Unha selva galega

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez ON FIRE

OUTES

Broña, en Outes
Broña, en Outes MARCOS CREO

11 sep 2023 . Actualizado a las 20:57 h.

Últimamente, ou quizais a moda vén xa de hai uns anos, estase dando moito bombo a iso de vivir no rural, e apláudese coas orellas se fai falta a quen se aventura a facelo, coma se vivir en Outes, por poñer un exemplo, fose una heroicidade semellante a instalarse no medio da selva amazónica, lonxe da «civilización».

Parece, por como se fala deles, que os urbanitas que elixen as localidades do rural son uns aventureiros dispostos a renunciar ás comodidade e vantaxes do mundo moderno para marchar a un lugar remotísimo onde é difícil que a vida se abra paso. A cousa resulta case cómica se se fala nestes termos en Galicia, porque, con todos os respectos, as urbes galegas teñen máis de aldea que de gran metrópole.

Que non se me malinterprete, tamén aplaudo a quen decide vivir no rural, non porque sexa unha heroicidade, senón porque me produce unha pena inmensa ver morrer as aldeas e todo o que sexa darlles vida é unha fundamental. Porque claro que o rural necesita xente, e que haxa pouca é a escusa que se dá sempre para arrebatarnos servizos.

Tiven a sorte de nacer na aldea, realmente síntome afortunada por iso e seguramente influíra moito á hora de forxar o meu carácter. Para outros é una elección, que haberá a quen lle pareza moi valente, e probablemente o sexa, pero tampouco é unha aventura digna dos grandes descubridores de séculos pasados nin Rianxo, Allariz ou Cospeito son a selva amazónica galega. O rural é un modo de vida en si mesmo, se mo permiten, de moita máis calidade que pasar os días entre edificios de formigón.