A cita, o sábado, reunirá máis de medio milleiro de afeccionados, con exhibicións, charlas e carreiras
13 nov 2014 . Actualizado a las 04:58 h.Primeira Festa Anual do Motor. Con este cartel o Pontenafonso Racing pretende reunir este sábado no Kartódromo de Valga máis de 500 afeccionados ao mundo do motor de toda Galicia. Unha cifra que polo que están a escoitar na organización podería quedarse curta dadas as expectativas xeradas por un cartel do máis variado nas súas actividades e nomes propios. Exhibicións, charlas de pilotos consagrados e un campionatos de karts aberto, cunha polbería e churrasquería para alimentar ao tempo corpo e espírito, son os ganchos lanzados polos integrantes da peña de Serra de Outes que se atopa tras a iniciativa.
O seu presidente, Daniel Sampaio, explicaba onte que «esta é a primeira vez que se fai unha festa así en Galicia. É algo distinto. Trátase de xuntar moitos pilotos, de disfrutar dunha xornada en familia, e de achegar o automobilismo a todos os públicos». A elección de Valga, aclara, obedece a que «é unha instalación moderna, e a única de Galicia con todos os servizos para minusválidos».
O programa arrincará ás doce, coa bendición da festa que dará paso á homenaxe aos pilotos galegos falecidos nos últimos anos. Ás 12.30 arrincará unha serie de exhibicións. Comezará a de Pit Bikes, para continuar coa do piloto de karts Aarón Filgueira, campión galego e de España, e ex piloto de F3 no Campionato de Europa. Será despois a quenda de Tronadas Sport (Proto), continuando coa de Marta Lago, campioa galega de karts, para chegar á hora da comida cunha demostración da habilidade de Gus Sport en Mitjet.
Un campionato de karts, de catro a cinco da tarde e aberto a todo o público ao prezo de 13 euros, dará paso a novas exhibicións antes da clausura da festa á primeira hora da noite.
Ademais de todo o anterior, a Festa Anual do Motor traerá a Valga charlas de excampións galegos de ralis como Manuel Senra ou Bamarti, e exposicións de coches, tanto actuais coma clásicos.