Manoliño

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

NOIA

10 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das novas que máis sigo estes días non ten que ver nin con esa vacinación que non me dá chegado nin co follón da candidatura do románico palentino, perdón, do madrileño Paseo do Prado, perdón, da Ribeira Sacra, a Patrimonio da Humanidade.

Máis ben non perdo as aventuras do arroás Manoliño (gústame máis ese nome que o de Confi, será porque eu tamén son un pouco golfiño) polas praias, bancos marisqueiros e portos da ría de Muros e Noia.

Hai melodrama neste chuliño arroás que ficou separado da súa manda e busca compañía desesperada en nós. Baixo ese aspecto de protagonista de película infantil, a historia é máis ben triste, porque a comunicación entre el e máis nós apenas pode ir máis alá de protagonizar un reel do noso Instagram.

El non ten redes sociais e nós o peixe cru só o papamos cando imos de cea a un restaurante xaponés.

Como lle pasa a moita xente, Manoliño tende a combater a timidez cun exceso de entusiasmo. Iso pode provocar todo tipo de estropicios: non sempre somos quen de seguirlle o ritmo aos amigos, e neste xélido país (emocionalmente falando) o exceso de agarimo case sempre dános desconfianza, e ás veces pode mancarnos.

Non sei cal pode ser a solución. Os biólogos din que hai que ignorar a Manoliño, como se lle fixeramos o baleiro nun bar, por moito que nos queira convidar a copas. Pero a min, que sempre vou falar cos solitarios porque eu fun (ou son) un deles, párteseme o corazón.

Haberá que brindar con el na distancia.