A enerxía de Tabby

NOIA

matalobos

04 nov 2017 . Actualizado a las 12:21 h.

matalobos

Xulio non sabe que teima hai en pensar que fóra deste mundo está ó noso alcance o paraíso da sabedoría, xa sexa porque todos os deuses teñen algún outeiro arredado para ver sen ser tocados, ou por esa obsesión tan estendida de estar sempre mirando ó ceo, agardando a aterraxe dunha civilización superior que nos quite da ignorancia ou cumpra todos os nosos caprichos por facerlle ben a pelota. E di el que esta espera non só é patrimonio de crédulos e crentes, senón tamén de xentes supostamente máis racionais, capaces de analizar con datos empíricos o que tantas veces xorde en aulas de visionarios ou nalgún congreso sen patrocinador. E vaia por diante que a min tamén me gustaría cartearme con algún ET de por aí adiante como me carteo cos terrícolas, pero xa dixen moitas veces que a día de hoxe paréceme imposible atopar carteiro. E tampouco sei por que han de ser máis listos ca nós os que veñan de fóra.

Aló polos anos sesenta, o profesor Freeman Dyson fixo unha proposta teórica que saíu publicada nunha das revistas científicas de maior prestixio, aventurando a posibilidade de construír unha esfera arredor dunha estrela para almacenar toda esa enerxía súa sen que esta escape polo universo adiante. A idea, todo un exercicio físico-matemático, a pesar de estar ben argumentada, era tan fabulosa como irrealizable, pero dábanos unha idea de ata onde podía chegar a capacidade tecnolóxica tendo medios para iso, algo digno de calquera película de ciencia ficción. O mesmo Dyson, aínda sendo consciente da inviabilidade de tal sistema, aventurou que algunhas flutuacións estelares tamén poderían ser debidas a que alguén cunha tecnoloxía moito máis avanzada que a nosa foi quen de construír un destes artefactos, que sen necesidade de ser esferas pechadas senón simples elementos ordenados nun plano esférico captasen e almacenasen a luz e a enerxía sen desperdicio. E aínda lle recomendaba ós astrónomos abrir ben os ollos por se atopaban no firmamento sinais de que nalgún lugar xa estaba construída. Por iso, hai dous anos, cando alguén notou certas variacións de brillo nunha estrela na que ata aquela ninguén se tiña fixado, non faltou quen se apurase a apuntar que tales flutuacións ben podían ser debidas a algún chupador de enerxía, e esa estrela sen nome pasou a coñecerse por Tabby en honor a unha das súas descubridoras. E como a nova era moi atractiva, foron moitas as persoas que sen máis perspectiva ca ver un extraterrestre chamando á porta da súa casa, deron por feito que naquel punto do ceo estaban os novos deuses da tecnoloxía, e así empezou a aparecer nalgúns medios e a ser aceptado por moitos crédulos.

Ó final, despois de que outros científicos máis cos pés na terra se parasen a comprobar datos e facer números, na pasada primavera concluíron que non había ningún ET chupando a enerxía da tal estrela, que só eran flutuacións debidas a posibles nubes de po, cometas ou cousas polo estilo que circulan por diante dela, e sobre a que seguen investigando, calculadora en man, para aclarar todos os puntos escuros do fenómeno. Sen embargo, aqueles amigos da fantasía, negándose a aceptar as conclusións racionais, advertindo que só eran hipóteses (que polo visto o deles non o é) e procurando demostrar que alí está a morada dunha civilización superior, fixeron unha subscrición popular, pola que xa levan recadado máis de cen mil dólares, co fin de seguir estudiando o caso ó seu xeito e financiar así a súa crenza e fe nos extraterrestres.