Letras

MAXI OLARIAGA

NOIA

DENDE FÓRA | O |

16 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

MAIO, 17. Día de San Pascoal Bailón e máis das Letras Galegas. Festivo. Grave erro. O común da xente toma hoxe en día os festivos no senso literal. Por exemplo, desde que nos demos conta de que o domingo non é día santo senón festivo están as igrexas a minguar de fieis. Outro exemplo: desde que os españois comezaron a tomar conciencia de que o 18 de xullo franquista era un día estupendo para ir á praia coas sardiñas e as empanadas o movemento nacional foise vindo abaixo e as ansias de liberdade renaceron nas almas esmaioladas pola posguerra incivil. Asimesmo pasa co Xoves e Venres Santo. Aquela dor negra que, convertida en teas ao vento, penduraba dos balcóns, foise retirando paseniño deixando paso a unha raiola de luz mediterránea que estourou nos centos de miles de apartamentos na beiramar onde os habitantes das grandes vilas non fan outra cosa que ociar, e ben sabido é que do lecer vén o pecado que non é outra cousa que a chave que abre as portas do inferno. O papado non cre xa no inferno, non vaia ser que esteamos desexando ir á vista do ben que se está caendo de seguido na tentación. E todo, todo por declarar festivos os días de penitencia. Así sucede co gallo do 17-M, coma se di agora. A declaración de data festiva é unha daga no corazón da arte literaria. Paseniño este 17-M irá esmorecendo, esvaíndose nas brétemas do tempo e rematará converténdose nunha testemuña duns días de papel e poesía na que catro toleiráns andaban polos cuadravíos dos camiños a declamar poemas de amor. É curioso que esta data que promove o amor pola cultura, polas artes todas, sexa quén de pechar as portas das librarías, das pinacotecas, das escolas... algo ule a podre en Dinamarca, señor Hamlet. Polo que a min respecta quede aquí constante. ¡Letras Galegas laborable xa! Pero coma se di en Noia... fala para un menos.