A súa intervención foi fundamental na consecución do instituto muradán
16 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Coñecido en Muros por Santiago da Reina, Santiago Lado Rey é un dos referentes principais na comarca á hora de argallar e loitar pola consecución de todo tipo de actividades, infraestruturas, bens e servizos públicos. Principiou a súa actividade en defensa dos intereses comúns no eido político militando na entón denominada Coalición Galega, formando parte da corporación municipal perante dous mandatos, aínda que confesa que a súa maior ambición política foi a consecución dun instituto para Muros. «Unha vez que conseguimos o ansiado centro educativo, nada se me perdía na política. Ese mundo non era para min. Cando comprobei que os intereses partidistas primaban sobre os bens e as necesidades públicas, aparteime dese mundo», sinala.
Agora está retirado da actividade laboral e da política, pero non do tecido asociativo, no que é un exemplo da constancia, da loita pola superación e da imposición ás circunstancias adversas; sendo a nobreza e a fidelidade aos seus principios, os que marcaron o seu labor, tanto no traballo coma na diversidade das súas accións sociais. «Tiven sorte na vida, pero nada me foi doado. Aproveitei unhas circunstancias favorables, contei con moitos e bos amigos e colaboradores, e entre todos creo temos feito cousas positivas para o noso pobo», afirma.
Dende moi novo, Santiago da Reina principiou como albanel a súa andaina profesional, para de contado dispor dunha cuadrilla ás súas ordes. Mencionar o seu nome era garantía de que a obra contratada se faría con éxito. Non facían falla papeis, a súa palabra era o maior certificado de éxito. Máis tarde, tamén se mergullou no mundo inmobiliario e en outros negocios vinculados á construción, ata que fai uns anos decidiu cederlle o posto empresarial ao seu fillo. «A catalogación de casco histórico-monumental para a nosa vila supúxonos moitos atrancos construtivos aos que tivemos que adaptarnos. Hoxe entendo que foi unha boa decisión, pois a vila segue a ser moi bonita e garda a esencia do seu pasado», confesa.
O gran logro
Mediados os anos oitenta tentárono dende a política, e el pensou que nada se lle perdía nese mundo, aínda que de contado comprendeu que podía ser o medio para acadar o que para el era o máis necesario nese intre para o pobo, dispor dun instituto: «Daquela xa presidía a ANPA do Fontexería e crin que os nosos nenos tiñan dereito a facer o bacharelato en Muros, como acontecía en tódolos pobos da comarca. Mercamos 5.000 metros cadrados de terreos en Baño, avalamos a compra cos nosos bens e logramos que se aprobara a construción dun instituto», explica Santiago Lado, antes de pararse a rememorar o esforzo que supuxo superar este reto: «Traballamos moito. Todo o pobo colaborou, en especial os donos das fincas, pero lográmolo».
O logro foi importante, pero non rematou coa posta en marcha do centro: «Unha vez inaugurado, xa se quedou pequeno e houbo que seguir loitando pola ampliación e pola consecución de diferentes especialidades formativas, especialmente pola de marítima; aínda que, sorprendentemente, cando todo parecía feito, non tivemos alumnos para o segundo grado».
Outra das súas teimas foi a mellora da calidade de vida e dos servizos en Serres, parroquia na que naceu e vive: «Non tiñamos cemiterio, a igrexa era pequena, non había centro social, non había apenas camiños, e creamos as asociacións de montes e do cemiterio. Aquí hai un grupo de xente, con Manuel Fernández á fronte, moi voluntarioso. O monte axudounos, pois coa venda da madeira demos feito moitas obras».
De entre tódolos proxectos levados a cabo na parroquia, Santiago da Reina destaca o cemiterio: «É unha construción exemplar. Dispón de 610 columnas de catro nichos e de espazos en terra que cobren tódalas necesidades da parroquia». El, agora que tanto se fala de xestión forestal, sabe como poucos a riqueza que pode xerar o monte, aínda que bota en falla axudas para mantelo en condicións axeitadas: «Cos nosos medios non damos limpado a mellorado as 800 hectáreas que temos, a maior parte con árbores».