Decididos a coidar o medio

J. M. Sande

MUROS

Estudantes de Muros participan nun proxecto encamiñado a poñer en valor e protexer a natureza

30 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Un grupo de nenos do instituto As Insuas e do colexio de Louro están a participar no programa Axenda 21 local, que se desenvolve dentro do plan de sustentabilidade promovido polo Concello. Os rapaces realizaron esta semana diversas actividades encamiñadas a promover a sensibilización dos máis pequenos cara a preservación e o coidado do medio natural, e a utilización, de forma sostible, dos recursos.

Nesta acción, uns corenta estudantes convertéronse por uns intres en mouchos, aguias e dragóns para, a modo de xogo, ir superando os retos expostos polos monitores co obxectivo de acadar premios.

Con esta iniciativa buscábase que os críos coñeceran e valoraran o medio. Para iso, elixiuse como escenario das accións didácticas o entorno dos muíños de marea do Cachón. Alí escenificouse un conto de carácter ambiental e realizouse un xogo a partires dunha xincana de valores que os nenos tiñan que acadar. O obxectivo era que os participantes, dentro do rol que cada quen desempeñaba, foran capaces de derrotar aos virus contra a sustentabilidade. Os que o conseguiron, fixéronse cun agasallo.

Accións conxuntas

A curto prazo, está previsto que se leven a cabo outras actividades destinadas a integrar todas as accións susceptibles de seren apoiadas polas administracións municipal e autonómica. Tanto os escolares como outros colectivos sociais do municipio farán propostas de traballo que teñan como fin favorecer a sustentabilidade.

Así, xa está previsto o desenvolvemento de actuacións de carácter xeral para sensibilizar ao conxunto da poboación sobre a necesidade de implantar a Axenda 21. Unha das propostas pasa por establecer un servizo de información e reclamación sobre asuntos de sustentabilidade local. Tamén se analizará a posibilidade de implantar un sistema de documentación xeográfica.

Os escolares de Louro e Muros, participantes nesta primeira actividade, amosáronse moi satisfeitos, sobre todo polo moito que gozaron coas actividades de carácter lúdico realizadas. Sinalaron que foron moitas as cuestións que descubriron ao longo das tres horas que permaneceron inmersos na temática ambiental.

Os rapaces comprometéronse a incrementar a súa implicación nos asuntos de sustentabilidade, sobre todo nas cuestións relacionadas coa redución do consumismo e coa valoración, na súa xusta medida, das potencialidades naturais existentes no territorio de Muros.