Jorge Villar Cobas: «Teño mercado artigos relacionados co Deportivo ata en Inglaterra»

Xoán Ramón Alvite Alvite
xoán ramón alvite MAZARICOS / LA VOZ

MAZARICOS

Alvite

O seguidor de Mazaricos leva tres décadas coleccionando prendas do conxunto

07 jul 2021 . Actualizado a las 05:05 h.

A Jorge Villar Cobas, Gorrión para os amigos, a paixón polo fútbol naceulle ao mesmo tempo que a afección por coleccionar camisetas do Deportivo, o club dos seus amores. Unha distracción que arrincou na Coruña no ano 1992 cando, o mesmo día que encaiaba o Mar Egeo, no bar que rexentaba seu pai Domingo, natural da aldea mazaricana de Sanfoga, nacía a peña deportivista Cazolo Furado, unha das primeiras que tivo o equipo herculino.

«Sempre me gustou o fútbol e xoguei dende moi pequeno. Como case todos os nenos, vaia. O que pasa é que co tema da peña empezaron a vir polo bar xogadores como Djukic, Mauro, Fran ou Bebeto e entre que che firmaban algunha camiseta que xa tiñas e che regalaban outra, foi espertándome o interese».

Agora ten máis de 150 perfectamente colocadas no seu piso da Picota xunto a múltiples recordos das épocas douradas do Deportivo, dende bufandas a carteis pasando por fotos firmadas, entradas e multitude de obxectos relacionados co equipo. «Home, a todo lle tes cariño. O que máis recordas son partidos míticos, como aquela remontada ao Milán nos cuartos de final da Champións e, por suposto, a liga ou a Copa do Rei que lle gañamos ao Madrid. Moitas veces miras as camisetas ou pos algunha e véñenche recordos moi bonitos á cabeza, e iso non hai cartos que o paguen».

Neste sentido, aínda que o seu equipo non atravesa o seu mellor momento, Gorrión non deixa de buscar novas camisetas, equipacións, bufandas ou calquera outro obxecto curioso que teña que ver co conxunto do que é afeccionado. De feito, hai menos dun mes dou coa terceira equipación da tempada 2000-2001, unha das que lle faltaba na súa colección.

«Teño comprado ata en Inglaterra. Agora, na maioría dos casos os contactos son a través de Internet ou de coñecidos que compartimos estas afeccións. Ás veces hai que esperar un tempo antes de que alguén se decida a vender a que che interesa ou cambiala por outra que lle guste e teñas ti», explica ao tempo que recoñece que o valor das camisetas descendeu algo dende que o equipo foi baixando categorías. Un aspecto que non parece preocuparlle o máis mínimo ao mazaricán. «Isto non o fago para sacarlle diñeiro, ao contrario, custa cartos. Tamén che digo que isto vai valer moito porque acabaremos volvendo ao lugar que nos corresponde e do que nunca tivemos que ter saído. Agora estamos nun momento complicado, pero sairemos máis fortes que nunca», apunta convencido.

Aínda que ten camisetas dos xogadores máis emblemáticos que pasaron polo estadio de Riazor, Villar Cobas non dubida en que a súa camiseta preferida é a que lle regalou a súa veciña Tatiana, Tati Barcia, a primeira veciña de Mazaricos que xogou no Depor feminino. «Home, gústanme moitas. Dende a de Pandiani á de Djalmiña, pasando pola de Donato ou Valerón, pero a favorita é a de Tati, que para algo é veciña».

Pezas curiosas

Ademais das pertencentes ás temporadas que van do ano 1994 ao 2004, Gorrión tamén pode presumir de ter na súa colección algunhas pezas que destacan por aspectos curiosos e que, debido a isto, son difíciles de atopar. «Teño unha da temporada 94-95 na que o patrocinador era Feiraco, pero que, para xogar a copa da UEFA, se cambiaba pola publicidade Galicia Calidade. Dáse a circunstancia de que nas primeiras que sacaron o logotipo tiña uns trazos moi finos e apenas se apreciaban en televisión. Despois dun par de partidos optaron por facelo un pouco mais cargado de tinta. Pois eu teño unha daquelas que se poderían considerar defectuosas e que agora son máis apreciadas por esa rareza».

Recoñece que ten algunha espiña cravada. «Parece raro, pero non teño ningunha de Fran. Pedímoslle unha a el e outra a seu irmá José Ramón e quedaron en mandala. O segundo mandoume unha de cando estaba no Compos e pola de Fran aínda espero porque, como gran capitán que foi, estou seguro que cumprirá».