Alcaldes Reis Magos

Ciprián Rivas VELAÍ

LOUSAME

Imagen de la cabalgata el pasado año en Porto do Son
Imagen de la cabalgata el pasado año en Porto do Son CARMELA QUEIJEIRO

Que llo pregunten aos alcaldes das vilas centrados en escribir cartas aos Reis Magos, remitidas a Santiago, A Coruña, Madrid, Bruxelas solicitando servizos, nalgúns casos repetidos en anos anteriores, e non atendidos

05 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta noite os Reis Magos entrarán nos fogares barbanceses, tamén nos de Noia, Outes, Lousame, Mazaricos e Muros, para cumprir os desexos dos nosos nenos e nenas, escritos en papel branco cun lapis vermello, o máis acaído para este labor, e remitidos nun sobre de diferentes cores para que voen nese avión de soños por cumprir.

Noite para algúns máxica, ao comprobaren como se cumpriu todo o escrito; e non tanto, para aqueles aos que non se lles completaron, ao cen por cen, as peticións realizadas. O primeiro choque coa dura realidade. Unha cousa é ao que aspiras e outra é o que podes lograr.

A imaxinación debuxa ilusións e estas atraen a felicidade cando se cumpren, pero provocan desesperanza cando non se concretan. Que llo pregunten aos alcaldes das vilas nas que vivimos, sempre centrados en escribir cartas aos reis magos, enviadas a Santiago, A Coruña, Madrid, Bruxelas, para mellorar a vida dos seus veciños, solicitando servizos, nalgúns casos repetidos en anos anteriores e non atendidos, xustificados con desculpas baleiras.

Pero aínda así non se quebra a ilusión do servidor público, que insiste diante dos seus aparatos administrativos para continuar elaborando informes, estudos, propostas, para que o rei mago correspondente inclúa nos orzamentos anuais da súa Administración, xa por cansazo, a petición formulada.

Estamos na metade da lexislatura e este é o momento para que as cartas se atendan; se non, as mocións de censura non serán máis que papel mollado.