Entre as conclusións derivadas das xornadas celebradas en Carnota, hai unha chamada de atención para cos espacios do litoral indirectamente afectados pola marea negra. Os ponentes pediron a posta en marcha dun plan de recuperación do litoral no que, ademais das medidas dedicadas a recuperar o medio mariño, se teñan en conta os espacios das ribeiras afectados por obras diversas. Neste sentido, as conclusións piden que unha vez finalizados os traballos de limpeza do litoral se desfagan as pistas de acceso para maquinaria que se abriron, e que non se permita en ningún caso a consolidación destes viais como algo definitivo. Consideraron os ponentes, especialmente trala visita que realizaron polo Ximprón, que as pistas abertas son o primeiro paso para unha contaminación de diversos tipos, que acaba por afectar ós espacios naturais. As conclusións indican que é necesario enfrontarse á recuperación do litoral desde unha perspectiva na que o mar sexa o centro da recuperación, pero na que tamén se teñan en conta outros aspectos. Tamén no económico se incide en que a valoración dos danos non pode facerse só sobre o sector do mar.