O rexedor confía en que o bo tempo acompañe para bater unha nova marca de participación na cita coas dúas rodas
30 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Miran ao ceo en Boiro confiando en que a chuvia non bote por terra o enorme traballo que hai detrás da organización do Día da Bicicleta. As cambiantes previsións meteorolóxicas parecen indicar que poderá celebrarse este domingo tal e como estaba previsto, e niso confía o alcalde, José Ramón Romero.
—Está asegurada a celebración do Día da Bicicleta este domingo?
—Iso agardamos. O que podo dicir é que xa temos todo o trazado preparado.
—O percorrido será o habitual, para que modificalo se funciona axeitadamente, non?
—Si, será o mesmo das edicións pasadas, uns 14 quilómetros en total, con saída da praza de Galicia ás 11.00 horas. Haberá dous puntos de reagrupamento, porque ao participar persoas de todas as idades o pelotón divídese e sempre quedan rezagados: un en Agramuíña, en Escarabote, e outro na lonxa de Cabo de Cruz. Desde alí emprenderase a volta por Sestelo, O Seán e Exipto ata a Avenida de Constitución, a rúa Dereitos Humanos, Principal e meta na praza de Galicia. E ao remate haberá un sorteo de material deportivo entre todos os inscritos.
—Como van as inscricións?
—Van ben, cada ano o Día da Bicicleta vai a máis. Pero o segredo está nas condicións meteorolóxicas para o día da proba, a xente espera ata o último momento a ver como vén o tempo para anotarse e sabemos que moita xente irase animando a última hora. Imos intentar bater a marca de asistentes.
—Que é o máis importante á hora de organizar unha cita na que se espera a arredor dun milleiro de persoas?
—Mírase todo, pero o máis importante é a seguridade. Celebramos unha xunta local específica na que se examina todo, dende o número de participantes previstos a onde será necesario facer cortes de tráfico, onde se farán as paradas, que forzas de seguridade e departamentos municipais intervirán no desenvolvemento... Faise unha análise xeral para que toda a carreira teña as máximas medidas de seguridade.
—Con que obxectivo se organiza cada ano esta proba?
—O obxectivo é a convivencia e a diversión arredor da bicicleta. É unha proba deportiva, pero non unha competición, co cal hai participantes de todo tipo e de todas as idades, adultos, nenos, adolescentes, maiores... É un entretemento familiar e para todos os públicos.
—Como animaría aos boirenses que aínda non se inscribiron a participar nesta xornada?
—Eu participei varias veces e podo dicir que é unha iniciativa moi bonita, moi familiar, que fomenta o deporte e que enche Boiro de moi bo ambiente.