Anxos Castro leva toda a vida escribindo versos, pero só o seu círculo de amizades o sabía. Agora publica unha recompilación dos poemas compostos desde que era nena
11 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Este sábado presentará o seu primeiro libro, pero Anxos Castro Parada (A Pobra, 1952) recoñece que leva toda a vida escribindo. Facíao para ela, co único fin de plasmar nun papel en branco os seus sentimentos, as emocións que lle provocaba o que acontecía ao seu redor ou sinxelamente, o que vía. De feito, eran poucos os que sabían que esta veciña da Ribeiriña afincada en Boiro era unha poetisa antes de que, hai uns anos, empezara a publicar versos a través dun portal literario de Facebook. Foi entón cando un par de amigos a animaron a publicar.
Aínda que nun primeiro momento non o vía nada claro, acabou cedendo ás presións e enviando unha selección dos seus poemas a unha editorial madrileña, Diversidad Literaria, que aceptou lanzar o primeiro libro de Anxos Castro: Conversas comigo mesma & Emociones arrítmicas. Trátase dunha recompilación dos versos que levaba escritos desde nena: «Contén toda a miña traxectoria literaria, desde que tiña 13 anos ata a actualidade, pois sempre fun gardando os poemas que xurdían de todo aquilo que me inspiraba ou me emocionaba».
Poemas románticos, tristes, outros cheos de carraxe, algúns eróticos... mesmo un dedicado a unha árbore do paseo marítimo de Boiro e outro ás embarcacións tradicionais. «Escribir é algo innato en min, así que a inspiración pode chegarme en calquera momento e xurdir da nada», explica Anxos Castro. Engade que, cando menos o espera, a súa cabeza convértese nun fervedoiro de ideas: «Ás veces esperto na metade da noite e collo o teléfono para anotar todos os pensamentos, porque co tempo sempre acabo atopándolles sentido».
Futuro incerto
Sempre se mantivo fiel á súa paixón pola literatura, pero recoñece que os últimos anos foron os máis prolíficos, coincidindo coa etapa da xubilación: «Desde que teño o libro nas mans xa escribín unha decena de poesías máis». Non descarta repetir a experiencia lanzando un segundo volume, pero non ten nada decidido ao respecto: «Ese non é o meu principal interese, nunca o foi».
Recoñece, iso si, que está satisfeita e orgullosa de ter dado o paso ao que empurrou a xente do seu círculo: «Sempre escribín para min, coma se os poemas foran o meu diario, pero agora síntome ben, sobre todo polo feito de que a unha editorial lle gustara a miña obra». Por outra banda, a tres días da presentación en público do libro, confesa que sinte «moito nerviosismo e certa vergoña».
Anxos Castro apunta que Conversas comigo mesma & Emociones arrítmicas, título elixido por conter unha parte de poemas en galego e outra en castelán, vai dirixido a todas aquelas persoas que, coma ela, aman a poesía, un estilo literario que define como «a forma máis máxica de expresión». Cos seus versos gustaríalle, sobre todo, axudar: «O ideal sería que os lectores sacaran algo positivo, algo que lles resultase útil nas súas vidas».
Trala primeira presentación en Boiro, a autora realizará actos similares na Pobra (3 de febreiro), en Rianxo (10 de marzo) e en Ribeira (24 de abril). Pase o que pase despois, ten claro que seguirá plasmando en versos os seus pensamentos: «É o que sae, por iso me resulta moi doado». E continuará decantándose pola poesía libre, sen ataduras de ningún tipo: «Teño algunha décima e algún soneto, pero os meus poemas non están suxeitos a métrica, son totalmente libres, porque eu tampouco quero estar amarrada».
O libro. Conversas comigo mesma & Emociones arrítmicas é un volume de 160 páxinas que contén poemas en galego e en castelán.
Presentación. A autora dará a coñecer a súa obra este sábado, ás 20.00 horas, no centro social de Boiro.