O comerciante barbanzán sorteará unha bicicleta BMX e reparará posibles avarías durante a marcha de 14 quilómetros
04 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Daniel Ríos (Boiro, 1959) non lembra o ano no que empezou a axudar aos ciclistas con avarías no Día da Bicicleta de Boiro, pero ten claro que a súa furgoneta de asistencia e el están metidos nisto desde a primeira edición. O comerciante barbanzán, un referente do deporte das dúas rodas en Boiro, afronta a volta desta data con ilusión e coa esperanza de que a mocidade se anime a usar a bicicleta tanto como medio de transporte como para facer deporte.
—Que expectativas ten coa carreira tras varios anos de parón?
—Se nos respecta o tempo será un incentivo para os rapaces. O clima será un factor fundamental. Xa nalgunha ocasión houbo que suspendela polas malas condicións. A xente ten moitas ganas de ir en bicicleta.
—Desde o Club Ciclista Barbanza apuntaron a que o ciclismo vive un bo momento tras a irrupción do covid. Vostede coincide nesta valoración?
—Na pandemia foi todo un bum. Cando soltaron á xente á rúa vendéronse todas as bicicletas que había. O covid veulle ben ao noso sector porque se baleiraron almacéns.
—Cal é a súa función no Día da Bicicleta de Boiro?
—O noso plan non varía. Poñeremos unha furgoneta de asistencia. Iremos recollendo á xente que teña unha pequena avaría e, nalgúns casos, darémoslles unha bicicleta de substitución. O último ano que se celebrou atendemos a cinco ou seis persoas. Tamén haberá un minibus ao que se poderá subir a xente. Non por avarías neste caso, senón porque hai xente que non está moi preparada. Queiras ou non, 14 quilómetros poden pasar factura a calquera.
—Desde cando participan nesta cita ciclista?
—Xa asistimos na primeira edición e cada ano regalamos unha bicicleta. O modelo vai segundo as modas do momento. Este ano será unha BMX.
—O obxectivo desta iniciativa tamén é que o ciclismo gañe adeptos en Barbanza.
—Queremos que a xente nova deixe aparcada a Nintendo. A mocidade está prendida pola tecnoloxías, queremos recuperar a esas persoas que deciden quedar na casa.
—Que lle aconsella a todos os participantes do Día da Bicicleta ?
—É importante ter as rodas preparadas. Moitos chegan coas rodas moi baixas e temos que atrasar a saída a última hora para inchalas. É tan sinxelo como pararse antes a facelo en calquera gasolineira. Tamén é importante o casco. Vén moita xente sen el e temos que andar a fume de carozo prestándoos. A roupa que traian os participantes é o de menos, pero casco, como din as normas, é unha obrigación.