«Antes, as persoas con diversidade eran invisibles, non tiñan vida en comunidade»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

CARMELA QUEIJEIRO

Alicia Romero sinala a inclusión como o eixo do plan estratéxico deseñado por Ambar polo seu cuadraxésimo aniversario

10 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ambar cumpre 40 anos, una longa traxectoria marcada pola defensa dos intereses das persoas con discapacidade e pola loita encamiñada a lograr a súa integración na sociedade. Alicia Romero Luaces (Boiro, 1981) é unha das persoas que mellor coñecen o proceso que seguiu esa batalla e, sobre todo, os pasos que se queren dar no futuro. Leva case dúas décadas formando parte do equipo que fai posible prestarlle atención a un cento de persoas con diversidade. Pero ademais de exercer de educadora social, é a responsable da área administrativa e encárgase dos proxectos e das subvencións. Tamén ocupa o cargo de secretaria na directiva.

—Como foi a evolución que experimentou Ambar?

—Foi unha evolución exponencial. A primeira pregunta que me fixen cando cheguei a Ambar, xusto ao rematar a formación como educadora social, foi: Onde están todos estes usuarios cando marchan de aquí que non se ven pola rúa? Antes, as persoas con diversidade eran invisibles, non tiñan vida en comunidade. A asociación aínda estaba en Xarás, nun local que non cumpría uns requisitos mínimos.

—Cal foi o salto fundamental que se deu?

—O cambio de instalacións foi moi importante, porque permitiu aumentar o número de usuarios. Cando eu cheguei había 35 e agora, case un cento. Tamén se diversificaron os servizos. Outro paso destacable foi a obtención do certificado de calidade ISO 9001, porque se implantou un sistema de traballo que implica ir sempre mellorando.

—Ao longo da súa historia, Ambar puxo en marcha proxectos que mesmo foron pioneiros. Cales destacaría?

—Por exemplo, Nada sobre nós, sen nós, proxeccións de curtas que buscaban darlle visibilidade á diversidade desde unha óptica positiva. Ou Vivir na comunidade, un servizo de vivenda con apoio. Lembro que unha nai dunha usuaria me dicía que podía esperarse algo así nunha gran cidade como Madrid, pero non en Ribeira. Iso demostra que hai que ir máis alá, innovar e buscar proxectos que ao mellor non son demandados porque a xente descoñece que existen.

—Chegados a este punto, cara onde hai que camiñar?

—Vanse dando pasos, pero aínda precisamos espazos máis accesibles, políticas inclusivas que teñan en conta ás persoas con diversidade e máis mentes abertas para entender e normalizar a este colectivo. Tamén é preciso ter máis presenza na comunidade, que é o gran reto que nos marcamos no noso plan estratéxico de futuro.

—En que consistiría esa presenza na comunidade que reclaman?

—Participar en máis accións que sexan expostas por concellos e entidades, pero tamén propoñer programas que busquen a autonomía e a visibilidade das persoas con diversidade. Necesitamos que en cada paso que se dea, se pense neste colectivo. Por poñer un exemplo, precisamos que un emprendedor que vaia abrir un negocio elimine a escaleira que supón un obstáculo para facilitarlle a entrada a todos. Pero sen ten que dicirllo, que unha acción así se vexa normal. Tamén avogamos por un mundo con igualdade de oportunidades, xa que en moitas ocasións, as barreiras non son físicas, senón mentais.

—Non negará que se deron pasos importantes.

—Si que se avanzou, sobre todo en materia de accesibilidade. Os concellos traballan para que as cidades e as vilas teñan cada vez menos barreiras, pero non só para as persoas con diversidade, pois isto beneficia a outros colectivos, como o da terceira idade. Tamén nos centros educativos se levan a cabo cada vez máis xornadas para educar en valores aos cativos. Oxalá tiveramos máis recursos para atender todas as demandas que nos chegan desde os colexios. Pero fai falla máis presenza e máis constancia para que a mensaxe acabe calando na sociedade.

«O mundo ideal sería aquel no que asociacións coma esta non tiveran que estar presentes»

Recoñecendo que se deron pasos importantes cara a integración plena das persoas con discapacidade, Alicia Romero ten claro que queda moito camiño por percorrer. Amósase optimista e ilusionada.

—Como se pode conseguir esa inclusión que con tanta forza reivindican?

—Con moita máis concienciación. Estamos traballando nun proxecto que aínda non se pode adiantar, pero que vai precisamente dirixido a diferentes axentes da comunidade, para que teñan presente a diversidade no seu día a día e para que teñan as ferramentas necesarias para facer posible a inclusión.

—Porque son conscientes de que, ás veces, esas medidas non se adoptan por descoñecemento...

—Si claro, por iso concienciar, sensibilizar e aportar ferramentas son os nosos principais cabalos de batalla. Hai quen non valora o de eliminar esas barreiras físicas da entrada do seu negocio porque sinxelamente non pensa no colectivo de persoas con diversidade, por iso temos que conseguir estar máis presentes en todos os eidos da sociedade.

—Cal sería para vostede o mundo ideal?

—Pois aínda que estea mal que eu o diga, como directiva e traballadora de Ambar, o mundo ideal sería aquel no que asociacións coma esta non tiveran que estar presentes para reivindicar os dereitos das persoas con diversidade. Sería aquel no que esta loita pola accesibilidade e a igualdade de oportunidades non fora necesaria.

—Considera posible acadar eses obxectivos a medio prazo?

—As estratexias que se están poñendo en marcha en Europa van nese camiño. Conseguirase en máis ou menos tempo, todo vai depender dos recursos económicos dos que se dispoñan. Está claro que podes ter ideas moi innovadoras, pero o límite está no financiamento. O noso traballo vai ir encamiñado a acadar ese obxectivo.