Natalia Carou: A pluma que transforma a dor en literatura

Antón parada RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

CARMELA QUEIJEIRO

A creadora boirense vén de acadar o premio Vilar Ponte coa súa última novela, «O mal querer»

29 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Existen moitos motivos que poden levar a unha persoa a enfrontarse a un folio branco. Hai quen escribe por amor. Hai quen o fai guiado polas liñas dos grandes autores co soño de que algún día camiñen polas súas do mesmo xeito. E ata hai quen o entende como un exercicio necesario para no futuro convertelo na súa profesión. A protagonista desta historia, non. Natalia Carou Figueira (San Ramón de Bealo, Boiro, 1974) fíxoo por necesidade, por atopar un refuxio ante a dor que acabou constituíndo o motor da súa literatura.

Na actualidade, a autora boirense xa leva publicadas dúas recoñecidas novelas -O alento nas costas e A cova da Moura, ambas por Baía Edicións- e unha dixital -Mariposas tristes, Harpercollins HQÑ-, pero o gran aval ao seu traballo, que conseguiu este ano, chegou coa forma do viveirense Premio Vilar Ponte de Novela, que conquistou co seu traballo máis recente, O mal querer. Non obstante, para comprender o que levou a triunfar na literatura a esta asesora fiscal de profesión cómpre retroceder un chisco. Concretamente, a 1978. O mesmo ano no que perdeu a seu pai.

Un refuxio de papel

Con só catro anos, o falecemento do cabeza de familia provocou que non quedase máis remedio que Natalia Carou fose internada no colexio Mosteirón de Sada. Alí era unha das máis de 500 rapazas, pero non unha calquera, pois nunca se resignou á escuridade da tristeza. Atopou a luz entre os estantes da biblioteca do centro. «Sentíame terriblemente soa, perdes a teu pai e non tes a túa nai... A lectura converteuse na forma de apagar a soidade, de esquecer o que estaba a pasar e escribir unha vida diferente. Comecei a facelo porque quería espertar emocións», lembra a escritora.

Por aquel entón, parecía que o destino de Natalia Carou tamén estaba escrito e que remataría construíndo a súa vida na Coruña, polo menos despois do que semellaba ía ser unha pequena parada no seu Boiro natal, para estudar o extinto COU no IES Praia Barraña. Equivocábase. Nesas aulas coñeceu ao seu gran amor, o seu marido e a persoa que sempre a animou a escribir.

Non obstante, ao chegar o momento de ir á universidade decantouse pola carreira de Grao Social -Relacións Laborais- na Universidade da Coruña (UdC): «Miña nai quedou viúva con 27 anos e custoulle sacarnos adiante a min e a miña irmá, traballando na fábrica. Tivemos que loitar moito, eu tamén coas miñas becas, por iso se inclinou a balanza por económicas».

Ficción e realidade

En todo ese tempo, Carou nunca deixou secar a pluma. «Escribía sobre os temas que me preocupaban, como a violencia na infancia. Moitos preguntáronme se fun unha nena maltratada, non, pero medrei entre historias de rapazas que o pasaron mal: abusos, malleiras, pais alcohólicos...», contou a boirense, que nunca precisou de caderno de notas, pois «cando unha nena che conta que o seu pai a violaba con 9 anos é difícil esquecelo».

Así foi tomando forma O alento nas costas, que ao igual que A cova da Moura, conta duras historias de adolescentes que se combinan con lendas da Galicia medieval, alternando liñas temporais. O éxito daquela primeira novela permitiulle tamén levala por institutos, onde logrou darlle apoio a mozas e mozos con problemas similares que se abriron a ela. Quizais por iso, O mal querer relata o caso dun rapaz maltratado que comete un delito e debe ingresar nun centro de menores: «É unha reflexión da súa responsabilidade. Quen é o culpable? El ou os veciños que tapaban os oídos para non escoitar? El ou os mestres que non quixeron ver? Mais no libro hai unha mensaxe positiva, fagas o que fagas sempre hai unha saída».

A precisión é tal, que a obra gañadora do Premio Vilar Ponte, «a fin dun ciclo» para a súa autora, incluso contou co apoio de seu fillo, estudante de Psicoloxía, para afondar na psique do protagonista. «O premio? Para min significa que todo o tempo que eu lle quito á familia, todas esas noites, nunca foron en balde», confesa Carou cun sorriso.