Cardeñosa: «O compromiso marca a diferenza»

P. BRETAL RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

MARCOS CREO

O técnico do Abanqueiro analizou os detalles do progreso dun proxecto chamado a construír o gran filial do CD Boiro

06 nov 2019 . Actualizado a las 12:15 h.

Capitán e peza clave no CD Boiro de Luís Santiago, esta tempada, José Manuel Rodríguez, Cardeñosa (A Pobra, 1986), non afronta só o reto de volver a poñer ao bloque de Barraña onde se merece, tamén traballa por darlle un futuro ao club. O central está ás rendas do Abanqueiro de Segunda Galicia, que este ano acolle o proxecto para construír o gran filial do primeiro equipo boirista.

-Como valora o inicio do proxecto co Abanqueiro, tanto de cara a avanzar no filial como nos resultados deportivos?

-Estamos moi contentos cos rapaces e coa forma de traballar, sobre todo nos adestramentos. En canto aos partidos, de momento só perdemos un na casa e fomos bastante superiores aos rivais, pero si que nos está custando. Esta é unha categoría complicada, con moitos campos de terra. En días de moita chuvia, pasámolo mal para levar adiante determinado tipo de encontros.

-Hai diferenzas entre prepararse co Abanqueiro ou con outro?

-Este non é un adestramento dun equipo de Segunda Rexional. A calidade, o ritmo, a asistencia, o propio escenario do campo e os recursos dotáronnos de valor. É dicir, todo o que fai falla para dar un salto, pero en realidade, o compromiso marca a diferenza. Estou a falar da predisposición dos xogadores, para min, a clave. Se non fose así non me tería embarcado dende o comezo neste necesario proxecto.

-Cal é o obxectivo real que hai detrás dese «necesario»?

-O obxectivo primordial é sacar aos rapaces. Ser unha ponte para que o día de mañá todos podamos ver un Boiro con xente da casa, que pasou previamente polo Abanqueiro. Non buscamos tanto o ascenso de categoría, senón amosarlle o que é o fútbol aos rapaces.

-Pero a táboa está apertada e deixan moi boas sensacións.

-Está claro que se traballas e o fas ben vas estar arriba, pero ascender depende doutras cousas. Sinceramente, nós non estamos pensando na categoría na que estamos. Aínda así, oxalá que para o ano puidéramos estar en Primeira [Galicia], para mellorar máis a competitividade do equipo.

-Hai homoxeneidade na metodoloxía de adestramentos?

-Dende a EFM Concello de Boiro estase sempre co seu correspondente adestrador e cada un pode ter certos matices, pero todos levamos unha idea de xogo global; tratar ben o balón.

-Xa nutriron as filas boiristas.

-Xa debutaron Brais Nieto, Carlos Silva e Diego Rivas, que adestran habitualmente co primeiro equipo, como antes o fixeron Anthony, Dani Silva ou Néstor. Por exemplo, hoxe [polo día de onte] tamén veñen adestrar cinco ou seis co primeiro equipo. A realidade é que rapaces que viñan de Terceira Rexional están a sorprendernos. Temos unha media de 21 anos de idade e penso que todos eles teñen condicións para chegar lonxe. E se non é co Boiro, xogarán en equipos de categorías máis altas.

-Falemos de rivais.

-A categoría non me sorprendeu en canto ao nivel, pero si que me parece máis complicado do que, a priori, pensabamos. Conxuntos como Taragoña, Cabo, Calo ou Lesende van a poñernos as cousas moi difíciles.

 

Curta e ao pé 

Un xogador: Mauro Silva.

Un estadio: Riazor.

Un gol: O de Donato para ganar a liga 1999-2000.

Un adestrador: O xogo de Guardiola, o carácter de Simeone e o talante de Valverde; imposible quedarme con un.

Un ídolo: Carles Puyol.

Unha película: Braveheart.

Un lugar: Nemiña.

A súa comida favorita: Ameixas á mariñeira de mamá.

Un soño: Traballar no fútbol profesional.

Un equipo de lenda: España 2008-2012.

Outro deporte: Ciclismo.

Unha canción: Sultans of swing, dos Dire Straits.