Este ano, no Día da Bici sortearase unha BMX Freestyle e varios cascos para esta modalidade
04 oct 2019 . Actualizado a las 19:35 h.Daniel Ríos López (Boiro, 1959) vén colaborando co Día da Bicicleta dende os seus inicios. El é o encargado de que o fin da festa sexa todo un éxito. Este ano sorteará unha BMX Freestyle, pensada para as cabriolas e o espectáculo, así como varios cascos para esta modalidade. Logo dunha vida sobre as dúas rodas, recoñece que este medio de transporte gaña adeptos ano tras ano.
-Xa non queda nada para o Día da Bicicleta. Como o espera?
-Trátase dun bonito evento que celebramos cada ano. O Día da Bicicleta é un punto de encontro para os veciños de Boiro, no que as familias comparten unha xornada de deporte.
-Ademais do sorteo tócalle traballar durante a xornada.
-Damos un servizo en ruta, por se alguén pincha unha roda ou ten problemas mecánicos. Colaboramos no que podemos, facendo o percorrido e asistindo a calquera que o necesita. Exercemos de coche escoba. Tócanos ir recollendo aos que xa non poden máis (risas).
-Semella que esta xornada segue crecendo. Vostede que cree?
-Incrementouse bastante despois de todas estas edicións. O único que condiciona é o tempo. Pero é medio día de lecer, perfecto para estirar as pernas, tanto para avós como para mozos.
-E a bici de que saúde goza?
-Eu vexo un incremento duns anos para aquí. Xa non solo por isto, senón porque a xente comeza a coidarse un pouco. Agora vese xente deixando o coche para coller a bicicleta.
-En domingo as rúas están cheas.
-Correcto, pero tamén durante a semana ves como o coche queda máis tempo aparcado. E co auxe da bicicleta electrónica, aínda máis.
-Queremos que a bici ande soa.
-Si, podendo ser (ri). Hai certo público que quere a eléctrica. Sobre todo xente maior, a de entre 50 e 60 anos estase decantando por este tipo.
-A pesar do clima galego, con bastante choiva?
-Dun tempo a esta parte está cambiando o clima. O mes pasado foi practicamente de verán. Houbo boa temperatura e bastantes horas de sol. É un mes no que podes saír de ruta sen problema.
-Cal é a idade que adoitan ter os seus clientes?
-Hai de todo, non podería darche unha concreta. Cando son as comuñóns é cando máis vendemos, pero despois cambia moito o tipo de xente. Hai dos que nunca te imaxinarías na túa tenda, pero ao que o médico lle di que faga deporte. Dinlles natación ou ciclismo, pero a maioría prefire a bicicleta. Hai algúns que veñen pola tenda e xa lles digo se os arrestou o médico. Incluso reactivouse o mercado de segunda man. Aquí quedamos con pouco material porque se está comprando moito. E, incluso, hai persoas que teñen unha segunda vivenda en Boiro, e que son de Madrid ou Barcelona, que compran unha bicicleta destas características para ter aquí.
-E o aluguer?
-Tamén o aluguer de bicis foinos moi ben. A xente de fóra valora o noso entorno, máis ca nós. Teñen que vir os de fóra para ensinarnos o potencial da comarca.