Dores Torrado: «Fomos a voz dos veciños nos plenos municipais»

j. jamardo RIBEIRA /LA VOZ

BOIRO

CARMELA QUEIJEIRO

Afronta por segunda vez consecutiva as eleccións municipais como candidata á alcaldía por Boiro Novo

16 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Economista e técnica de Administración Local, Dores Torrado Ares afronta por segunda vez consecutiva as eleccións municipais como candidata á alcaldía por Boiro Novo, coa que ocupa unha concellería no salón nobre do Concello.

-Como afronta estas eleccións?

-Con moito optimismo e, ao mesmo tempo, coa confianza de que os boirenses valorarán o traballo feito por Boiro Novo. Fomos a voz dos veciños nos plenos municipais, mentres o PP lles quitaba a súa propia voz.

-Faga un resumo do goberno do PP.

-Nunca Boiro tivo un alcalde que escapase tanto da veciñanza. Máis preocupado por sacar a foto fácil que de resolver os verdadeiros problemas da xente. Foi un goberno de costas aos boirenses.

-Que proxectos teñen para Boiro?

-Queremos un Boiro social, no que se antepoña o benestar das persoas ao piche electoralista, favorecendo a conciliación familiar, mellorando os servizos sociais. Un Boiro cun urbanismo sostible, creando unha rede de carrís para bicicletas, de camiños escolares seguros e buscando unha alternativa ao paso do transporte pesado polo casco urbano e recuperando a arquitectura tradicional dos núcleos rurais e a rexeneración integral da rúa Principal e tamén do Boiro antigo.

-En caso de non haber unha maioría absoluta, como afrontaría os posibles pactos ?

-Nós aspiramos a liderar un goberno centrado no social, pero o que pode ter moi claro a xente e os veciños é que cos votos de Boiro Novo a dereita non gobernará neste municipio.