Fran Figueroa, técnico das Miúdas: «O reto é gañar todo o que nos queda»

BOIRO

MARCOS CREO

Co Chispa escapado, confesa que o ano xa é un éxito, aínda que pelexen co Boiro pola segunda praza da táboa

13 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Fran Figueroa (Muros, 1981) afronta a recta final da tempada coas Miúdas. Logo de coller o equipo o pasado curso, este deu un salto de nivel que o fixo meterse na pelexa pola fase de ascenso. Co Chispa escapado, o técnico confesa que o ano xa é un éxito, aínda que pelexen co Boiro pola segunda praza da táboa.

-Queda moi pouco. Chegarán á promoción?

-As matemáticas dannos posibilidades, pero non estamos preocupados con iso. O reto é gañar todo o que nos queda. Temos que adestrar mellor, xa que contamos con rapazas lesionadas. Iso si, recuperamos a Eva.

-Veñen encontros difíciles.

-Esta semana, o Pontearnelas, e máis para adiante, o Boiro, son os máis complicados, pero estou moi contento co equipo, levamos tres partidos sen encaixar. Atrás estamos firmes e creo que vamos a competir ata o final. Se a defensa está ben, arriba, con Bárbara e Pati quedamos cubertos.

-O gran encontro que queda é o que xogarán en Vista Alegre.

-As rapazas téñeno metido na cabeza. Queren ganarlle ao EFM Boiro na súa casa para devolverlles a derrota da ida. Eu prefiro que pensen no Pontearnelas. Se miras moito cara adiante, podes tropezar cunha pedra e caer sen darte conta.

-Coa liga case rematada, como a valora?

-Os equipos están crecendo. As rapazas teñen moito fútbol, aínda que haxa dous grupos bastante diferenciados na táboa.

-Ata o momento foi boa?

-Para nós con acabar aí arriba xa é positivo. A fase sería unha consecuencia deste reto, pero tamén queremos chegar ben á final da Copa da Costa, que é a primeira da historia do fútbol feminino.

-Esperemos que máis equipos se animen nun futuro.

-Parece que así é. Mazaricos e Cee están mirando para contar con equipos femininos e o Noia parece que dará o salto ao fútbol 11. Iso beneficia a todos, queremos que isto siga crecendo.