«A austeridade mal entendida pode causar moitos prexuízos»

BOIRO

Juan José Dieste posa no despacho que ocupa dende hai catro anos e do que escapa sempre que pode para estar «a pé de rúa».<span lang= es-es > </span>
Juan José Dieste posa no despacho que ocupa dende hai catro anos e do que escapa sempre que pode para estar «a pé de rúa». Marcos Creo< / span>

O rexedor aposta pola continuidade na liña de traballo do goberno

09 ago 2015 . Actualizado a las 23:17 h.

Quizais por sentirse amplamente apoiado polos veciños tralos resultados das eleccións do pasado maio, ou quizais como un último cartucho para conseguir que «os de arriba» escoiten as demandas de Boiro, o alcalde, Juan José Dieste, xa non ten pelos na lingua e fala abertamente do que lle gusta e do que non sen esquivar ningunha cuestión.

-Co equipo que formou para as eleccións apostou pola continuidade na liña de traballo iniciada hai catro anos...

-Traballamos de forma pragmática e seguiremos igual. Nos concellos a política non é ideolóxica, trátase de satisfacer necesidades e servizos, e nós facémolo atendendo ás demandas que chegan todos os días e a enquisas que nos permiten analizar e valorar a situación dos distintos núcleos para logo decidir onde actuamos. É unha forma de gobernar sen sectarismos, para todos, e iso tivo o seu resultado porque atendemos as necesidades básicas, que eran moitas, e non perdemos o tempo en obras faraónicas.

-No pasado mandato o obxectivo era sanear as contas, solucionado este asunto ¿cales son as metas para os vindeiros anos?

-O primeiro é seguir realizando investimentos que teñen que ver co día a día dos cidadáns, cos núcleos rurais e a modernización das infraestruturas e servizos básicos. Comezamos o mandato pasado cos asfaltados e foron as actuacións máis valoradas porque son tamén as máis demandadas, quédanos moitísimo por facer porque hai lugares que non se tocaron en corenta anos. Outra actuación que queremos levar a cabo é un paseo fluvial polo río Breiro para unir o centro de Boiro co paseo de Barraña e enlazar logo coa primeira fase do río Coroño. E temos o compromiso de habilitar novos campos e herba artificial.

-Non será fácil sacar adiante proxectos coma o do Coroño, que non aparece nos Presupostos do Estado para o vindeiro ano.

-Os orzamentos estatais seguen sendo uns orzamentos de crise a pesar da melloría. Nós mantivemos negociacións con Costas e o proxecto do río Coroño vaise intentar sacar adiante por fases. Hai que pelexar por el porque é fundamental para Boiro poñer en valor o entorno do Coroño, é un lugar estratéxico desde o punto de vista medioambiental e turístico. De todos xeitos, creo que se podían facer uns presupostos máis amplos.

-Iso soa reproche, e non é a primeira vez que se mostra crítico coas políticas ditadas polo ministro Montoro.

-A austeridade ten que servir para facer máis con menos, maximizar os servizos utilizando menos recursos, a austeridade ten que estar en mans de persoas intelixentes. O que non pode ser é que nós teñamos 1,5 millóns parados para nada... A austeridade mal entendida poder causar moitos prexuízos».

-¿E que me di da Xunta? ¿Ten mellores expectativas cos orzamentos autonómicos?

-Creo que as achegas para Boiro van mellorar nestes próximos catro anos. Boiro é un pobo puxante, que está medrando e que merece un premio. Poucos pobos medraron tanto coma o noso nos últimos 30 anos. Vou pelexar pola residencia da terceira idade, é complicado porque temos que competir coas grandes cidades, pero a comarca ten entidade suficiente para contar con este servizo e ademais podemos abarcar a unha poboación que vai de Outes e Noia ata Padrón e incluso Catoira e Vilagarcía... É unha necesidade e hai que empezar a mover ficha.

-O nomeamento dos deputados provinciais do PP causou certo malestar porque Arousa norte quedará sen representación na Deputación durante dous anos, ¿cre que isto pode prexudicar dalgún xeito á bisbarra?

-Non o creo, non se trata diso. Pero a comarca merece estar representada os catro anos na Deputación polo seu peso económico, social, político e polo seu dinamismo... A representación nas Administracións ten que se obxectiva, non sentimental, e rexerse por uns criterios. E que quede claro que non o pido para Boiro, pídoo para a comarca, é o que lle corresponde.

-Ultimamente o seu nome aparece ligado outros temas polémicos, coma o seu criticado afán por «empichar»...

-O que non pode ser é que a min me critiquen por «empichar», que se diga que malgasto botando piche e dando paletadas de cemento, que durante a campaña tivera que escoitar de todo, que me chamaran ata cabeza de congro, e que, unha vez pasadas as eleccións, non me poida permitir un chiste que eu creo que era suave... Gañamos as eleccións grazas a que «empichamos», si, porque iso era o que demandaba a xente. O que quería manifestar é que con esa xestión gañamos as eleccións e que a crítica que facía a oposición era equivocada.

-E unha última polémica... Hai críticas á creación dun novo posto de confianza.

-O que pasou é que se xubilou capataz, non o hai, e tiñamos dificultades para a organización e xestión dos servizos municipais. Como non podemos cubrir esa praza pola lei estatal, utilizamos un posto de confianza e escollemos a unha persoa con experiencia e que vén avalado polo traballo realizado.

Juan José Dieste Alcalde de Boiro

«Se non fan os pantaláns de Cabo empezaremos a pensar que estamos marxinados»

Entre as metas que se marca o goberno de Boiro para os vindeiros catro anos hai algunhas cuestións que levan tempo pendentes e que o alcalde cre que xa vai sendo hora de que se materialicen. Algunhas desas actuacións van encamiñadas e están comprometidas, pero no caso de outras será máis complicado que haxa avances a curto prazo.

-¿Chegará neste mandato a hora de poñer en marcha actuacións no pazo de Goiáns, no viveiro de empresas e no aparcadoiro da Boqueira de A Negral?

-Todo iso está condicionado á existencia de recursos, pero non se van deixar de lado servizos básicos e prioritarios para sacar adiante eses proxectos. Actuarase sempre que cheguen fondos, pero os recursos son os que son, e non imos hipotecar os impostos dos veciños en proxectos que non satisfán as súas necesidades máis inmediatas. Para nós o importante non son as grandes obras, o importante son as persoas.

-Tamén seguen pendente os pantaláns para as embarcacións pesqueiras de Cabo de Cruz.

-Conseguir que se instalen os pantaláns é un obxectivo prioritario, e teño o compromiso tanto do presidente da Xunta de Galicia como da conselleira do Mar para executalos. Se non os fan desta empezaremos a pensar que estamos marxinados, pero as perspectivas son boas, hai unha clara intención de dotar ao porto destas instalacións tanto para as embarcacións pesqueiras como para as bateeiras. Non pode ser doutro xeito porque un porto co volume de descargas e de actividade coma o que ten o de Cabo de Cruz ten que contar cuns servizos axeitados.

-O porto crucense tamén ten un gran potencial para a náutica recreativa, ¿vaise explotar isto desde o Concello?

-Sen dúbida. Continuaremos desenvolvendo e apoiando actividades deportivas para os cativos, e tamén continuaremos na mesma liña de internacionalización do turismo a través da náutica como un elemento dinamizador para atraer xente a Boiro. É o que facemos coa nosa presenza en salóns como de La Rochelle, e estaremos tamén en Düsseldorf e en Southampton. Para entrar en novos mercados e atraer visitantes temos que ofrecer algo distintivo, e nós encontramos ese enganche nas actividades náuticas, a través deste sector buscamos potenciar o municipio.