Da Pobra a América

Pastor Rodríguez

A POBRA DO CARAMIÑAL

26 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nada proba que Frei Alonso del Espinar fose da Pobra do Caramiñal, nin sequera que fose galego, pero sabemos que en 1499 era superior do convento franciscano de Santo Antonio do Xobre, e que en 1502 acompañou o comendador frei Nicolás de Ovando cando este pasou a América como gobernador das illas descubertas por Colón, e así pode dicirse que foi o primeiro misioneiro galego en América. Home moi discutido, sobre todo por mor das polémicas sobre as encomendas de indios, fortemente atacadas por Bartolomé de Las Casas, o seu inimigo e moi crítico con Espinar na súa Historia de las Indias.

En 1511 volve a España para informar sobre a polémica ao Consello Real e, en 1512, asiste á asemblea convocada por Fernando o Católico, na que se lle ordena a redacción das ordenanzas para a evanxelización dos indios, xunto a García de Carrión e o bacharel Enciso. As ordenanzas redactounas Espinar e foron a base da lexislación de Indias.

Nese ano de 1512 volta a América con corenta relixiosos franciscanos e chega en 1513. Foi o primeiro provincial franciscano nas Indias. Crese que faleceu en 1514. Os franciscanos defenderon sempre a súa figura e, así, Frei Atanasio López escribe que «o seu nome írá sempre unido á historia das famosas leis de Indias con mellor dereito que de Fr. Bartolomé de Las Casas». Non pensaban o mesmo os dominicos. Figura moi estudada e polémica, sobre el escribiron tamén Pedro Borges, Gómez Canedo, Carlos E. Deive, Andrés Millé e Úrsula Lamb.