O certame Carlos Mosteiro, en ascenso

m.x Blanco

A POBRA DO CARAMIÑAL

Xosé Antonio Neira Cruz foi o gañador deste ano

23 nov 2019 . Actualizado a las 05:15 h.

É un certame literario de recente creación, pois chegou este ano á súa segunda edición, pero o Carlos Mosteiro apunta alto. Quedou claro o xoves pola noite, no acto de entrega do galardón ao gañador deste ano, Xosé Antonio Neira Cruz, que obtivo o premio, un cheque por valor de 1.500 euros, coa obra O enigma do baúl pechado.

Francisco Castro, o director de Xerais, editorial que se encargará de publicar o volume, amosouse confiado de que esta obra acadará o éxito da que se fixo co galardón na primeira edición, Os Fantom, de Patricia Mallo, que tivo tan boa acollida que vai xa pola segunda tirada.

Tamén ten confianza no éxito o propio Neira Cruz, que explicou o seu encontro, no pasado, con Carlos Mosteiro. Foi cando traballaba en Xerais e xestionou a publicación do seu libro O día que Miguen Indurain pasou por Gonderande. Apuntou que para el era unha gran satisfacción estar agora recollendo un premio na súa honra.

No acto tamén participou Pilar Sampedro, especialista en literatura infantil e vogal de Barbantia, que fixo un percorrido polas obras infantís de Miguel Mosteiro. En representación desta asociación cultural que colabora no certame literario estaba tamén Isabel Santos.

A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, foi a encargada de garantir o futuro do concurso, amosando a súa confianza de que vaia a máis e o vindeiro ano se superen a ducia de obras que concorreron nesta edición. O libro de Neira Cruz será presentado no mes de febreiro.