O sistema é sinxelo. A Administración planifica e reclasifica os solos rústicos en urbanizables, organizando aos futuros propietarios en cooperativas que adquiren o solo antes de que o seu valor se multiplique
27 oct 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O problema da vivenda que temos non se resolve trasladándoo aos propietarios. Un Estado debe ser capaz de crear oferta sen recorrer a terceiros. Cómpre que as Administracións dean un paso adiante e utilicen o urbanismo para crear solo residencial. E hai outra fórmula que debemos utilizar, a das cooperativas de vivenda, como a posta en marcha en Noia recentemente.
O sistema é sinxelo. A Administración planifica e reclasifica os solos rústicos en urbanizables, organizando aos futuros propietarios en cooperativas que adquiren o solo antes de que o seu valor se multiplique. Logo promoven directamente as súas vivendas, sen que entre en xogo unha promoción inmobiliaria destinada a obter beneficios.
Cada cooperativista vai achegando cantidades a medida que avanza a construción. Así, a vivenda deixa de ser un produto que se compra ao final e pasa a ser un proceso no que participan os seus futuros moradores.
Falta unha terceira pata: as entidades bancarias, que deben financiar a adquisición do solo e a urbanización e ofrecer préstamos a baixo xuro aos cooperativistas. Administración, cooperativa e entidade financeira formarían así unha alianza para producir vivenda accesible.
Vitoria-Gasteiz ofrece un exemplo de expansión urbana apoiada na transformación de solo, coa participación das antigas caixas de aforros. En Santiago tamén se utiliza este modelo para ampliar a cidade.
Non necesitamos só controlar o prezo da vivenda. Necesitamos conseguir que construíla custe menos. E iso pasa por facer urbanismo, creando solo e devolvendo aos futuros propietarios o protagonismo da promoción.