Sen reserva

Ciprián Rivas VELAÍ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

É fácil comprobar neste estío é a incapacidade para obter unha reserva para xantar

10 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos nese momento que nos azouta a canícula do verán; é dicir, a calor máis intensa en todo ano para aqueles que viven nesta banda da ría de Barbanza-Arousa, termo que con tanto acerto propuxera o anterior alcalde ribeirense e vixente senador, Manuel Ruíz Rivas, naquelas reunións da anteriormente denominada Mancomunidade de Arousa Norte.

No 2020 pasaría a titularse Mancomunidade Barbanza Arousa, entidade que deberá ter un importante papel para o desenvolvemento turístico e doutros sectores da dinamización económica e empresarial; sen esquecer o mancomunar servizos como a xestión de residuos urbanos. Agarda que alguén turre dela con forza para que cumpra os obxectivos para os que se creou, que como se ve, implicaría a implantación dun modelo de xestión turística sostible nun espazo onde non existen, na actualidade, unha oferta hoteleira e de servizos adecuados para tal fin.

Din os alcaldes socios que o que se procura e a desestacionalización da oferta, aspecto, sen dúbida, a ter en conta. Pero para iso fai falla tela activa perante todo ano, aspecto que non se atopa na axenda de ningún concello integrante e, tampouco, na Mancomunidade.

O que si é fácil comprobar neste estío é a incapacidade para obter unha reserva para xantar se nalgún momento te inspiras e, de súpeto, decides saír da casa coa familia para realizar tal mester. O que pode ser un magnífico sinal porque quere dicir que o modelo de hostalería baseado na restauración tradicional e de mercado, a nosa, funciona, o mesmo a de restaurantes con vistas, gastrobares e cociñas de autor. Só que hai que reservar con antelación dabondo; se non, non xantas.