Morreremos

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

Foto de archivo de fincas divididas por postes
Foto de archivo de fincas divididas por postes Miguel Souto

Quizais por iso deberiamos facer máis o amor e menos a guerra

28 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Acotío, os concellos reciben veciños dispostos a denunciar actuacións doutros veciños. Case sempre chegan coa mesma sentenza: «Iso é ilegal». Adoitan engadir outra frase que parece definitiva: «E non ten licenza». Podo dicir que unha boa parte dos denunciados non fan cousas ilegais. Pero iso é o de menos. O sorprendente é a cantidade de tempo, enerxía e rancor que algunhas persoas dedican a perseguir nimiedades.

Un valado uns centímetros máis aquí, unha gabia un pouco máis alá, unha poda que non gusta, unha caseta que molesta. Cuestións que raramente alteran a vida de ninguén convértense en auténticas cruzadas persoais. Hai quen acode ao Concello unha e outra vez, esixindo a aplicación inflexible da lei, chegando ao insulto e ao desprezo, como se a administración estivese obrigada a compartir a súa indignación.

Mentres tanto, pasan os anos. Os denunciantes viven enfadados. Os denunciados viven preocupados. Todos gastan unha parte da súa existencia nun conflito que, visto con perspectiva, é insignificante.

Poucas veces se deteñen a pensar nunha evidencia tan simple como inevitable: morreremos. Todos: o denunciante e o denunciado. E cando iso aconteza, ese valado, ese peche ou esa gabia seguirán aí, indiferentes ás discusións que provocaron. Outras persoas ocuparán o noso lugar e probablemente non entenderán por que se perdeu tanto tempo en estúpidas pelexas.

Quizais por iso deberiamos facer máis o amor e menos a guerra. Soa hippy, xa o sei. Pero soa bastante máis sensato que dedicar media vida a combater batallas que o tempo acabará convertendo en po.