Durante séculos, os residuos humanos e animais vertéronse polo territorio de xeito natural, sen caos. Nas aldeas galegas era habitual que moitas casas non tivesen cuarto de baño, e moitas persoas acudían á corte, ao palleiro ou ao exterior para facer as necesidades fisiolóxicas. As vacas, galiñas ou ovellas tamén deixaban os excrementos dispersos polos montes e polas leiras, integrándose nun ciclo ecolóxico no que a terra absorbía esa materia orgánica e a convertía en fertilidade.
Aquel modelo funcionaba porque a poboación era pequena e porque os residuos estaban repartidos. A natureza podía asumir esa carga sen grandes problemas sanitarios nin contaminacións permanentes. O esterco, lonxe de ser visto como un problema, era un recurso esencial para a agricultura tradicional.
Mais coa concentración da poboación nas cidades e coa aparición da gandería intensiva, o equilibrio rompeu. Milleiros de persoas e centos ou milleiros de animais comezaron a producir residuos nun espazo reducido. Por iso, no caso das vacas ou das galiñas, os sistemas extensivos e en liberdade resultan moito máis sustentables ca as explotacións masificadas. E algo parecido ocorre coas persoas. As aldeas e pequenas vilas manteñen unha relación máis equilibrada co territorio ca as grandes cidades, que precisan enormes infraestruturas para xestionar residuos, contaminación e abastecemento.
Quizais o verdadeiro progreso non consista sempre en concentrar máis, senón en aprender a vivir mellor repartidos sobre o territorio. A sustentabilidade tamén depende de conservar ese equilibrio territorial.