O temón (1)

José Vicente Domínguez
JOSÉ VICENTE DOMÍNGUEZ CADERNO DE BITÁCORA

BARBANZA

Martina Miser

Poucas frases son tan repetidas polos políticos como as compostas coa palabra temón. É como se todos eles quixeran, sen sabelo, emular a Platón na súa teoría de guiar a «nave do Estado». Aínda que dubido que a maioría se decate disto; pois coido que moitos descoñecen que cando a caña vai para estribor, o barco cae a babor.

 Para contar parte do que hai que saber sobre a palabra temón, hanme permitir que utilice ao menos dous artigos. Xa verán o que pode dar de si esta sinxela e fundamental parte dunha embarcación. Imos pois comezar pola descrición do enxeño, segundo aparece nun vello tratado de terminoloxía náutica:

 «Robusta pala plana, instalada na parte externa da popa. Faise xirar arredor dun eixe chamado mecha que, penetrando dentro do barco a través dun burato coñecido como limeira, acciónase desde a bordo cunha panca chamada caña». Pois xa o ven, así de fácil. Pero para chegar a esta descrición de Francisco Valle Collantes, vello catedrático da Escuela de Náutica y Máquinas de A Coruña, houbo que pelexar o seu, como verán máis adiante.

 Alá polo ano 3000 a.d.C., as embarcacións gobernábanse cun remo parecido, aínda que máis longo, a unha espadela de mallar no liño, que ía colocado na parte dereita da popa amarrado cun estrobo. Pero, polo visto, ás culturas exipcias parecíalles pouco temón para as naves dos faraóns, e aumentaron o número de espadelas, poñendo dúas e aínda tres, a cada lado da popa da embarcación. É posible que, máis aló de serviren para dirixir a nave por efecto dinámico, tal cantidade de remos o fixeran a modo de cear que, amais de tratarse da comida da noite, tamén significa vogar para atrás.

 Despois chegaron os temóns romanos co seu lóxico e inconfundible nome de gobernaculum que os gregos chamaban pedálion. Estes temóns era dobres. Polo visto, o temón de espadela lateral único (sempre colocado a estribor), débeselle aos nórdicos, alá polo século III. E de aí podemos concluír que o termo steer board (costado de goberno), é o que deu orixe á palabra estribor que todos coñecemos, tal como xa explicamos nun anterior artigo.

 Pero os temóns non tiveron máis remedio que evolucionar. Ao principio, os barcos de vela tan só navegaban con vento en popa. Pero cando lograron barloventar con ventos de través e máis curtos, déronse conta de que, coa escora que se producía, un só temón a estribor non era quen de manobrar o barco. E así, atopámonos como, case ao mesmo tempo, nórdicos e orientais persas do golfo Pérsico, deixáronos constancia do uso dun só temón central (coñecido como á navaresca), colocado no codaste, por fora, e na mesma liña de cruxía. Dos nórdicos, chegounos a nova a través das súas razzias e posterior tráfico mercantil; e dos persas, grazas a Marco Polo; quen no século XIII, deixou constancia —como sen querer— de que «as naves persas levan un so temón central». Daquela, entre nós, os da terra hispana, o único temón que se coñecía era o tëmo-tëmonis, que viña a ser a lanza dos arados ou a cabezalla dos carros.

 Pois xa ven o que é a vida. Agora, nestes tempos da IA, resulta que un tal Trump fala de destruír unha civilización enteira, nin máis nin menos que a dos persas!. Cultura que xa levaba o temón de medio mundo, séculos antes de que os USA orixinarios coñeceran tal enxeño coa chegada das carabelas españolas.

 E como símbolo metafórico referido ao temón, xa saben que, por enriba de todos, estaba O Gran Temoneiro, o ditador chinés Mao Zedong, a quen nos nosos tempos mozos coñecíamos como Mao Tse-Tung. Así que, de pensalo ben, moitos políticos deberían coidarse de falar tanto de temóns e temoneiros; e teren en conta que có temón metido sempre a estribor (escusen que lles lembre que sería á dereita mirando cara a proa), farían unha permanente e perigosa virada en redondo que nos conduciría ó principio de ningures.