Estas pezas resistentes e curvadas forman e protexen o peito dos barcos
31 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Falemos das cadernas. Pódese dicir que estas pezas resistentes e curvadas forman e protexen o peito dos barcos, da mesma maneira que as costelas o fan coas persoas. Claro que non todas as cadernas son iguais, como tampouco o son os carballos que se usan para facelas. E tampouco se trata aquí de describir os diferentes nomes das pezas que forman a estrutura do costelar dunha embarcación. Pero definiremos algunhas segundo a posición que ocupan ao longo da quilla, a saber:
Cadernas de armar. Unha vez posta a quilla, son as situadas de xeito perpendicular á mesma, na parte central do barco. Ou sexa, comprenden todas a cadernas, excepto as próximas aos finos de proa e popa que dependen máis da fasquía que se lle pretende dar a unha embarcación. Polo tanto, as cadernas de armar, despois da quilla, son a guía e comezo da construción naval. Pois por aí hai que empezar, se lle queremos facer caso ao dito dos vellos carpinteiros de ribeira: «O que non clava non acaba».
Cadernas reviradas ou de reviro. Son aquelas que se colocan nos finos de proa e popa, inclinadas con respecto á quilla cunha acentuada curvatura. Deste tipo de cadernas hai dabondo, pois o retorcemento e reviramento delas vai a gusto do armador segundo o lanzada que queiran a proa e a saída de augas da popa. Pois xa se sabe que, falando de revirados e retorcidos, hai de todo na viña do señor.
Caderna mestra. E logo temos a máis famosa de todas, cal é a caderna mestra. Esa que, situada practicamente no centro do barco, sobresae ás demais, definindo a manga máxima; ou sexa: a maior anchura dunha embarcación. A mestra, tal como o seu nome indica, é a alma da que parte o deseño, a capacidade e a harmonía que se pretende dar a unha embarcación.
Baos. Pero un esqueleto feito de cadernas separadas entre si non se sostén por si so. De maneira que para acadar a resistencia que precisa unha embarcación, as cadernas téñense que se apoiar noutros elementos estruturais. E para iso están os baos. Así, cada par de cadernas que arranca desde a súa ensamblaxe na quilla, remata nos baos; nesas vigas con curvatura transversal convexa coñecida como «brusca» (pola frecha que marca a súa curvatura), que serven para unir as cadernas e soportar as cubertas. Sen nos esquecer que, para a súa resistencia e que o barco flote, as cadernas precisan dun forro feito de táboas que os galegos coñecemos como banzos e outros lles chaman tracas, sen que, naturalmente, teñan que ver cos produtos pirotécnicos.
Cadernas bulárcamas. Falando da súa resistencia, da das cadernas, tampouco debemos esquecer as chamadas cadernas bulárcamas. Esas que, máis reforzadas cas normais, emprázanse cada tres ou catro claras; nome co que se coñece a separación entre cada par de cadernas. Por certo; escoiteille a un mestre carpinteiro de ribeira, chamarlles «porcas» ás bulárcamas. Posiblemente pola súa aparencia robusta que semella o lombo dun porco.
Falando de todo un pouco, dicir que a bordo tamén hai dous cadernos, sen que se trate dos machos das cadernas. Un é o caderno de máquinas e outro o caderno de bitácora que da nome a esta sección. Neste, anótanse as vicisitudes meteorolóxicas de ceo e mar, rumbos, recaladas e calquera situación que afecte á vida a bordo. Este caderno serve de borrador para o diario de navegación. Claro que os cadernos non fan que os barcos floten nin naveguen sós; pero son imprescindibles para un bo goberno, por aquilo de que «onde hai papeis calan barbas».