Observando arceas, voraces aves devoradoras de miñocas
27 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Esa noite de febreiro non choveu. Marte escintilaba por baixo do setestrelo co seu fulgor vermello, Venus brillaba no poñente e a Lúa medrara por enriba do seu cuarto alumeando a superficie das brañas. É certo que a mellor hora para escoitar as aves é o amencer, mais para algunha cómpre agardar por unha corrente térmica que as eleve, para outras por unha noitada de vixilia na que abesulles o miañar do moucho, o chío da curuxa ou, con certo disimulo, na que procures o agocho da avelaiona que te desvela co seu oulear. E tamén están aí eses días nos que saes despois do crepúsculo para percorrer os tremedais, coa lama por enriba dos nocellos, os cañotos do milleiro ata a altura dos xeonllos e a terra a mexerse baixo o peso das botas de auga. Privilexio de naturalista o de permitir que o frío se entremeta en cada regaña entre a roupa e a pel, desoladas e baleiras esas campas nas que andas atrás dunha presada de limícolas.
De cores crípticas, reservadas, difíciles de ver... É a chegada da invernía quen trae as arceas onda nós. Malia que diúrnas no estío, cando despregan os seus trementes voos de cortexo, é nocturna a súa actividade no tempo da friaxe. Estas voraces devoradoras de miñocas agóchanse entre a follaxe caída de zonas boscosas e foxen en silencio ante a proximidade de calquera observador. Canda elas chegan as arceúchas; tanto a das brañas —co seu balar de cabuxa e o longo peteiro co que calan no lameiro como se fose unha agulla de coser— como a xorda, tan cativa como unha lavandeira e amiga de zonas pantanosas máis abertas: unha mincha que se eleva cando te achegas a apenas un metro de distancia, percorre en silencio unha curta distancia, e se deixa caer de súpeto.
Aquela noite levei canda min a libreta e o bolígrafo que me recomendou un amigo para as xornadas augacentas nas que a choiva se fai dona da xornada. Coido que a miña caligrafía é clara, de doada lectura. Con todo, hai veces nas que nin un mesmo comprende a propia letra. E, desta volta, as anotacións que co apresuramento na redacción e a humedén que impregnou a páxina, semella que tan só esborranchei miudezas sobre o papel.
Non, non choveu. Mais, ao pouco, a néboa estendeuse e cubriu os predios onde as aves mantiñan o seu agocho; o relento enchoupou o caderno onde tomara notas sobre o seu número, a súa posición, o seu comportamento. Daquela, marchei; e eles, coma as quenllas cando as alcanza o arrecendo dunha pinga de sangue, chegaron na compaña de cadelos e cartuchos. Gorentosas, xaora, as cerretas e as arceas.
Aínda non somos quen de anubrar o nacemento do Sol, de quebrar o impulso do vento ou a forza das ondas que rompen contra a costa. Aínda non. Mais hai días nos que descobres o que todo o mundo sabe, o que por mera intuición, e a nada que levantases a orella, atoparías sen grande esforzo. Resulta difícil facerse o cego e o xordo, comportarse coma se foses mudo.
Hai días nos que te alcanza a conciencia de que as palabras que se escriben sobre un papel son testemuño irrefutable; ese intre no que sería doado eludir a túa parte de responsabilidade na desfeita. Doado, si, vivir a sotavento, sempre ao abrigo do castelo de popa.
Estarreceres
Maricarme Rey Núñez
—Diosiño quéreme ben, mamá?
—Ás nenas que se guían polos seus pais e non andan a roubichar froita nin a contar mentiras, claro que as quere.
«A cousa non pinta ben… Cando ninguén me ve vou roubar mazás ao horto de Ríos. Meu irmán dime que, como aínda non cumprín sete anos e non teño uso de razón, non peco. Non sei eu… O Diosiño, dende aló enriba, disque o ve todo e, malia ir agochada por entre as verzas, que son máis grandes ca min, o mesmo logrou verme. Logo estou perdida, nin a miña nai, por moi aguda que sexa, me poderá defender dese home sen barbear e con melena de león irado. Véxoo; está a se pousar no alto da Ruña —nube que, pola figura que adoita no seu desprazamento, a nena confunde con Deus—. Desta non me salvo. Vén a por min. Seguro que me fai coma Xosé do París aos porcos: pilla unha coitela das grandes e chúzama na barriga, onde máis manca. E despois de morta (non sei se tamén me retira o tripallo), bótame ao inferno co demo. O demo é moi malo: cunha forcada chuza nas almas para que non poidan fuxir das lapas. Nada máis haberá un demo? Miña avoa, cando meu irmán está a piques de cometer unha falcatruada dille: «Non te atenten os demos, rapaz!, non te atenten os demos!». Co cal, debe de haber máis de un. Teño medo. Súo. Un exército de demos a chuzar en min é o peor que podería maxinar, e estou a piques de que suceda.
Sempre que vou roubar froita ou fago algo que os meus pais me teñen prohibido, o demo, de noite, así se apagan as luces da casa, vén a xunta min e, coa súa cara de besta desapiadada, asemade ri a faceira chea e dá choutos no ar, co forcado ergueito, e ameázame. Non é a primeira vez que mollo a cama e, pola mañá, por se a festa fose pequena, aturo o anoxo e as pancadas da miña nai, que coida que foi por porcallana.
O Diosiño xa case non se ve, mais eu sei que, por entre os picotos da costa, está a me vixiar. De noite, cando todos durman, ha baixar do ceo para me levar con el.
Se os meus pais soubesen das mentiras que conto e das mazás que roubo, encheríanme o cu de azoutas, mais, nunca, nunca, nunca, me mandarían co demo ao inferno. Logo Diosiño non é tan bo como contan. Por ver de o acalmar, vou probar a rezar un noso pai —o pequeniño—, que é máis bonito. Talvez dese modo Diosiño me perdoe as mazás roubadas e as mentiras contadas. Padrenuestro pequeniño, deus me leve a bo camiño, a bo camiño cheguei, tres Marías atopei, preguntaban por Xesús, e Xesús estaba na cruz cos peíños a sangrar…
Unha vida recuperadaEnsaio histórico
ROMÁN ARÉN
Rostpanier era o termo pexorativo que os alemáns apoñían aos republicanos exiliados obrigados a traballar para Hitler. O miliciano galego era Joaquín Fernández Millán, nado na Pobra do Caramiñal en 1911 e morto en París en 1982. Loitara no exército de Euskadi como miliciano e logo exiliouse en Francia.
O máis abraiante é que houbo outros 56 pobrenses que foron milicianos no exército de Euskadi. Seis deles acabaron en Mauthausen. Mais o volume non se limita á peripecia vital de Millán xa que contextualiza ben o sistema dos centros ou campos nos que estivo o protagonista, de Arles-sur-Tech ata Aixe-sur-Vienne pasando por La Garde-Adhémar, Argelès-sur-Mer, onde estivo dúas veces; Gurs, Septfonds, Firminy, Récébédou e Nexon. Explica ademais os GTE de Pétain, dos que formaron parte 60.000 españois, e tamén o TODT e a construción do Muro Atlántico, unha liña de defensa de 3.000 quilómetros de Hendaia ao Cabo Norte, e as evasións destes campos de traballo.
No exilio francés estivo tamén o fillo do pobrense, Manuel, dende 1956, mais tamén a súa muller Dolores, quen volveu á Pobra, ao Xobre, en 1998 co seu fillo e a súa nora. Joaquín Fernández Millán regresou por primeira vez á Pobra en 1978 e comezou a pasar os veráns no concello natal. Hoxe descansa no cemiterio do Xobre. Libro importante para recuperar a memoria democrática. Nunca é tarde.