Pedro Rovira presentou o seu libro nun emotivo regreso ao colexio O Grupo de Ribeira
BARBANZA
O que foi director do CEIP falou de Conversas con Tatá, coa que se estrena como escritor
14 mar 2026 . Actualizado a las 16:55 h.Pedro Rovira regresou o venres á que foi a súa segunda casa, o CEIP O Grupo, do que foi director e mestre durante varias décadas. Precisamente sobre ese tempo nas aulas vai o libro que presentou ante moitas caras coñecidas: «Estaba cheo!». Acompañárono na súa intervención o antigo director do colexio, Anxo Corbelle, e a actual directora, Nieves Lampón.
O acto celebrouse no novo auditorio habilitado na planta baixa da antiga policía, un espazo cedido para o uso do centro que Rovira celebrou ver cheo de vida. O autor estivo ben arroupado por amigos, excompañeiros e figuras públicas de Ribeira. A súa obra tamén recibiu unha gran acollida: «Levei 50 libros e marchei sen ningún, farteime a asinar».
Na presentación relatou a súa chegada ao colexio nos oitenta e as anécdotas vividas con alumnos. Tamén leu un poema que forma parte do libro, dirixido a un neno con parálise cerebral: «Aínda hoxe emociónome e sáenme as bágoas».
Neste encontro, Lampón destacou ao autor como un «namorado do ensino», mentres que Corbelle sinalou o magnífico traballo que fixo na dirección. Un labor que o propio Rovira lembrou con orgullo e satisfacción ao ver que non só se continuou, senón que se mellorou.