Burocracia

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

«A percepción particular é que cada vez hai máis trámites, proceso e papeleo»

11 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Quen levamos tempo traballando nas Administracións observamos un curioso fenómeno. Aínda que en teoría a informatización dos procedementos debía simplificar as relacións entre un cidadán e a cousa pública, a percepción particular é que cada vez hai máis trámites, proceso e papeleo. Papel dixital, certo, pero papeleo. Tes a sensación de que cada vez debes poñer máis do teu tempo sen que iso repercuta nunha mellora da resposta, ou sexa, dunha resposta administrativa máis rápida.

A universidade é un bo exemplo. O tempo que agora debe empregar un profesor en tarefas de carácter administrativo devora o resto das ocupacións a desempeñar. Como as clases son un deber ineludible, quen paga o pato é a investigación, a única que polo momento non protesta.

O diabólico de todo isto é que o ensarillamento do sistema non ten que ver con encher máis formularios 48-B, senón con redactar informes, memorias e documentación gris orientada a xustificar cada céntimo investido. E eses documentos requiren de toda a túa atención, porque aínda que en teoría non os le ninguén, o día que haxa un problema van a ir a eles cunha lupa de aumento, e como atopen unha fisura, o morto tócache a ti.

Porque esa é a miña teoría particular sobre isto. Que o incremento da burocracia ten que ver con construír un sofisticado sistema de desvío de culpas e responsabilidades en todas as escalas da Administración. Non pensen nun plan predeseñado: todo isto de natural da cultura funcionaria. O paradoxo é que o sistema só foi posible grazas á informática. A revolución dixital era isto.