Oferta e demanda

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Imagen de archivo de turistas con maletas en Santiago.
Imagen de archivo de turistas con maletas en Santiago. PACO RODRÍGUEZ

Os prezos de Santiago están contribuíndo a dinamizar o sector hostaleiro no amplo territorio que fica a menos dunha hora e media da capital, incluídos o Barbanza e a Costa da Morte

14 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Os hostaleiros de Compostela están preocupados pola baixa ocupación dos hoteis da cidade. Sorprendéronme as queixas: segundo o Instituto Nacional de Estatística, Galicia acadou máximos históricos de viaxeiros no pasado 2024 —últimos datos dispoñibles—, superando os 8,2 millóns de visitantes coma quen non quere a cousa. Unha barbaridade para un país de cifras modestas.

Nas súas declaracións os hostaleiros buscan todo tipo de causas e reclaman máis apoios públicos, pero non mencionan os prezos das noites dos seus hoteis. Seguro que foi un esquecemento involuntario. Fixen unha comparativa empregando os valores medios de Google Hotels para hoteis de 3 e 4 estrelas para un sábado de maio, en tempada baixa.

Un tres estrelas en Santiago (136 euros) é case un 20 % máis caro que na Coruña, un 60 % máis caro que en Pontevedra, Ourense ou no Barbanza, un 55 % máis caro que na Costa da Morte e un 103 % máis caro que en Vigo. No caso dos catro estrelas, as diferenzas son aínda máis acusadas. Branco e en botella.

Galicia é un país pequeno e iso favorece a mobilidade. Os prezos de Santiago están contribuíndo a dinamizar o sector hostaleiro no amplo territorio que fica a menos dunha hora e media da capital, incluídos o Barbanza e a Costa da Morte. Canto máis melloren as comunicacións, as opcións do cliente tenderán a sumar factores.

Por que ficar en Santiago se chegamos de contado e aquí temos praia e mellores prezos? Por moita dinamización que se faga, non queda outra ás empresas que exercer a vella lei da oferta e a demanda.