Adoito rematar o ano tan cheo de traballos, entregas e proxectos que nunca teño tempo de facer, no persoal, eses balances que tanto gustan nestas datas. Pero sei perfectamente que eu, como calquera de vostedes, non son a mesma persoa que hai un ano. Cada un de nós estamos atravesados pola vida, os nosos acasos persoais pero tamén, dun xeito tan radical que nin somos conscientes, pola época que nos toca vivir.
Proben a facer un experimento. Se teñen un ordenador vello que hai tempo que non abren, arránqueno e deixen que se abran as fiestras do navegador, os últimos documentos do procesador de textos, as fotos que se gardan no álbum. Sorprenderanse. Esas webs dunha afección ou interese hoxe esquecidas. Esas fotos de hai dous anos nos que a nosa cara, pero tamén a roupa, xa non son as de hoxe. Esa persoa que tanto estaba e desapareceu. Cambios ás veces sutís e outros drásticos.
Si, non somos os de sempre. En realidade somos os de nunca. Usamos expresións que chegaron a nós hai dous meses mesturadas con outras que lle escoitamos ás nosas avoas. E serán distintas das da primavera de 2026, con esa nova canción que chegará.
En realidade, nestes días, ao lembrar, ao preguntarmos sobre nós mesmos, ao cortar a vida en paquetes de 365 días, temos a impresión de poder frear un pouco ese paso do tempo. Hai xente ao que isto lle dá vertixe, e podo entendelo. Por iso os devanceiros decidiron tomalo con burbullas, cotillón e bailoteo petardo. E quen somos nós para levarlles a contraria. Feliz ano!