Durante estas datas, ritos, costumes e tradicións chocan a miúdo co sentido común e cos desexos de moitos
23 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A nosa tradición oral recolle o tizón de Nadal como un dos ritos do ciclo de Nadal, parte das festas do inverno que comezan na noite de Defuntos e rematan ao final do Entroido. É unha época de comensalidade e reunións, que inclúe os Santos Inocentes, as mascaradas, o solsticio, as candeas e a celebración do nacemento de Xesús, fixado no 25 de decembro, aínda que, se analizamos a Biblia, os acontecementos non cadran con exactitude.
Mais tamén é un tempo de renovación, de cambio de pel, de deixar atrás hábitos e cousas vellas, tanto no sentido literal como figurado, e de abrir espazos para novos comezos e promesas que raramente cumprimos.
Durante estas datas, ritos, costumes e tradicións chocan a miúdo co sentido común e cos desexos de moitos. É imprescindible desexar felices festas a persoas que non coñecemos, facer agasallos innecesarios que nos atormentan pensando se acertaremos, e que con frecuencia enchen faiados con obxectos inútiles ou pouco apreciados.
É a época cume da propaganda mediática, das festas pagás, desprazamentos masivos, da gula, do recheo de bandullos e do baleirado de tendas e grandes almacéns.
Todo bendito e xustificado por formar parte dunha sociedade de masas, de costumes impostas, de rituais que aceptamos por herdados. Non o queremos cambiar: quen non goza do Nadal desexa que pase rápido; quen goza, chora cando remata, porque cada luz, cada comida, cada encontro, cada agasallo recorda que estamos inmersos nun ciclo que, aínda absurdo e pesado ás veces, nos conecta co tempo, coa memoria, coa familia, coas amizades e con nós mesmos.