Elena Ferro e Sanín amósanlle aos escolares de Boiro como se fan zocos e pandeiretas

M. X. B.

BARBANZA

Elena Ferro con Gabriel Alén e José Ramón Romero no CEIP Santa Baia
Elena Ferro con Gabriel Alén e José Ramón Romero no CEIP Santa Baia

Participan nun programa didáctico que busca promover os oficios artesanais

19 nov 2025 . Actualizado a las 21:24 h.

Da man da zoqueira Elena Ferro e do fabricante de instrumentos tradicionais de percusión Xosé Manuel Sanín, un grupo de escolares de Boiro coñeceron na mañá deste mércores estes dous oficios tradicionais de Galicia. Eles son os protagonistas das dúas primeiras unidades didácticas do programa Artesanía na escola impulsado pola Xunta. 

As sesións comezaron no CEIP Santa Baia, onde estiveron presentes o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e o rexedor local, José Ramón Romero, para trasladarse despois ao CEIP Cespón.

Artesanía na escola é un programa de divulgación impulsado no 2024 co fin de achegarlle aos escolares os oficios artesanais e os valores da artesanía. O obxectivo é presentarlles diferentes oficios como unha profesión de futuro e conciencialos do valor do produto feito á man e da marca Artesanía de Galicia.

O programa comezou cunha unidade didáctica dedicada ao oficio dos zoqueiros, a través da figura de Elena Ferro, responsable do taller Eferro (Merza, Vila de Cruces), un obradoiro familiar activo desde o ano 1915 e que viu recoñecida a súa traxectoria co Premio Nacional de Artesanía no ano 2019. Destaca polo seu traballo cun produto característico da tradición rural: os zocos de madeira.

Pola súa banda, Xosé Manuel Salvado Sanín, do obradoiro Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela) é o protagonista da segunda das unidades didácticas, que xira ao redor da historia e elaboración da pandeireta, un dos instrumentos máis tradicionais de Galicia.

A Fundación Artesanía de Galicia continúa a traballar na seguinte unidade didáctica, sobre a elaboración de figuras de pan de Santo André de Teixido, co obxectivo de ir incrementando a variedade de oficios que se presentan no marco desta iniciativa.