Mentres botaban a brisca, dous xubilados debatían sobre a existencia de xenios nesta terra.
—Ti sabias que Tesla era un ser doutro mundo, que tiña persuasións extrasensoriais? —indaga Xesús mentres dá cartas.
—E ese Tesla, quen viña a ser? —replica Andrés.
—Home... Foi o que inventou a corrente alterna, a radio, os raios X, o control remoto, e centos de patentes máis.
—E quen dixo que non era deste mundo? —refutou Andrés—. Iso non o creo. Aquí non pode vir ninguén de fóra.
—Iso dilo ti pero, neste mundo —argumentou Xesús— hai xente que trouxeron de miles de planetas coma este. E, segundo din, a Terra é un vertedoiro doutros mundos onde mandan para acó os que non lles serven ou lles molestan —continuou Xesús—: ocupas, lacoeiros, mercenarios, funcionarios e políticos concupiscentes. E, para distraernos; énchennos de futbolistas, andróxinos, ambiguos e corruptos.
—Agora que mo explicas —asentiu pensante Andrés—, coido que tes razón: heillo de contar á miña muller porque ela non sabe nada disto; aínda pensa que todos somos fillos dos desafiuzados do paraíso. E, como se soubo iso?
—Isto sóubose a raíz dunha entrevista que atoparon nunha biblioteca. Estaba no medio dun libro de Electricidade e Éter, que lla fixera un xornalista, onde ao remate poñía: «Esta entrevista non debería publicarse ata pasar 100 anos». Ata que a ciencia estivese preparada para asumir esta paraciencia.
—Pois non caera na conta das variadas castes onde, á parte da cor, falamos todos diferente, escribimos distinto e tamén cantamos e bailamos de varias maneiras. E..., que vén a ser iso de que a ciencia non estaba preparada? —insistiu Andrés.
—Pois viña a dicir que a electricidade era como unha alquimia que tiña certas connotacións metafísicas. Como el traballaba con frecuencias, dicía que todas as cousas contiñan enerxía e, como tal, todos os obxectos tiñan vibracións, que viña a ser unha especie de linguaxe onde olores, temperatura e textura se podían traducir, xa que a totalidade dos corpos emiten frecuencias. O que hai é que descubrilas e interpretalas: de aí saíron os mandos a distancia, móbiles etc. «Se cres que isto é misticismo, equivócaste. Isto é ciencia. Simplemente que aínda non foi descrita», dicíalle Tesla ao periodista.
Andrés deixou caer as mans sobre a mesa e engadiu:
—Agora empezo a intuír...
—Que intúes Andrés?
—Que despois deste último parágrafo, quedei coma ninguén de ningures, non entendín, nadiña de nada...!