Chiringuitos

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez ON FIRE

BARBANZA

MARCOS CREO

«O de usar anglicismos sempre dá glamour e queda como moi moderno, como de xente de mundo preparada para recibir aos guiris»

01 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Alguén a quen quero moito e ben díxome aí atrás que os artigos que escribo nesta columna teñen sempre un pouso pesimista, eu que sempre pensei que era razoablemente positiva. Díxome tamén que non todo está perdido neste mundo, que hai esperanza, e que podía escribir sobre iso. Pero non me sae. Mire a onte mire non atopo argumentos, ata na anécdota vexo motivos para a desesperanza, non o podo evitar.

Un exemplo dun asunto sen maior relevancia que me pon os pelos como escarpias. Vou á praia e ante os meus ollos non fan máis que aparecer letreiros anunciando chiringuitos e todos teñen un denominador común: a palabra beach. Montas un negocio, poslle o nome que sexa, polo xeral o da praia na que se localiza, e a continuación beach, coma se fora o apelido. Outros poñen beach bar no letreiro, por se a alguén un pouco despistado lle queda algunha dúbida de que estamos a falar dun chiringuito no que se pode beber e non da praia en si, digo eu.

Co bonita que é a palabra chiringuito e que vilipendiada está. O de usar anglicismos sempre dá glamour e queda como moi moderno, como de xente de mundo preparada para recibir aos guiris. Pero coido que os turistas estranxeiros que se deixen caer pola zona van saber recoñecer un bar de praia en canto o vexan sen necesidade de que leve o beach de sobrenome.

Non é anglofobia nin nada polo estilo, é que temos palabras nos nosos idiomas oficiais —a falta de un, temos dous— para chamarlle ás cousas polo seu nome, así que reivindico o chiringuito de toda a vida como nomenclatura oficial e requisito indispensable para que lles dean licenza.