
O nome liminal aplícase a espazos baleiros, abandonados ou desolados, pero tamén a eses lugares de tránsito que non pertencen a un lado nin ao outro, e que, por iso mesmo, nos producen unha estraña sensación de nostalxia e fascinación. En materia de antropoloxía, a liminalidade representa o paso dun estado a outro, a entrada a unha realidade diferente, máis espiritual, que pode estar chea de incertezas pero tamén de serenidade. É un limiar, un intre suspendido no tempo, onde se esvaen as regras habituais e emerxe algo novo, ou simplemente máis humano, máis esencial, diferente ao noso cotiá, no que desenvolvemos a nosa vida.
A ribeira do mar é un espazo liminal por excelencia. Alí, onde remata a terra e comeza o océano, prodúcese unha ruptura, unha fronteira física e simbólica. Para moitos dos nosos devanceiros, este lugar era escenario da despedida, da marcha forzada cara a terras da diáspora. Para os emigrantes, o mar simbolizaba perda, saudade, e a ferida da separación. Hoxe, pola contra, ese mesmo lugar converteuse nun refuxio emocional, sobre todo para quen habita nas cidades e soporta o peso dunha rutina abafante, chea de ruído, présa e cemento.
As xentes do interior atopan no mar un espazo de acougo, onde os ritmos son outros, onde o horizonte aberto semella ofrecer respostas a preguntas que non sabemos formular. O mar, coa súa inmensidade e silencio, dálle sentido ao baleiro. E esa é, precisamente, a esencia do liminal: ser unha ponte entre mundos, unha pausa necesaria para volver respirar e lembrar quen somos realmente. É o segredo do turismo de mar.