Menús de Nadal

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

PABLO ARAÚJO

Trala pandemia, todo o que ten que ver coa manduca colectiva está de moda

11 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Polo que me contan os hostaleiros da comarca, están os restaurantes cheos para este Nadal con xantares e ceas de amigos e de empresas.

Trala pandemia, todo o que ten que ver coa manduca colectiva está de moda. Para un tímido coma min, estes eventos sempre me asustaron un tanto: son territorio liminal e incontrolado no que, carburados pola copiña de máis, ás veces ves cousas que non quixeras ver, como revela tanto meme e brincadeira que anda polas redes.

Antes escapaba delas por timidez, pero agora que xa vou tendo uns anos fago un esforzo por acudir e por pasalo ben. A vida é demasiado curta e miserable para que lle andemos poñendo chatas. Hai que estar onde se quere, e non estar onde non se quere, e do resto non enredar. Xa parezo Rajoy falando.

Con todo, unha das cousas máis divertidas é o asunto dos menús. Como este ano boto unha man en organizar o xantar do meu traballo, podo ver moitas propostas de restaurantes.

Admírome do equilibrio que fan os locais entre tantas variables: prezos ao alcance de todas as nóminas, servizos nos que conviven a vulgar croqueta e o —en teoría— sofisticado coulant (escrito ás veces ‘gulant'), o dietético espárrago e a festiva gamba. Ou sexa, un concepto fartura ma non troppo pensado para que os que non comen nunca fóra da casa poidan comentalo durante semanas e os que o fan a diario non lles aburra.

 Ao fin e ao cabo, estes menús para empresas son unha metáfora perfecta do Nadal: cedemos todos un pouco para que non salte todo polos aires. E aínda menos mal.