«Inzo», un libro de poesía e pintura para uns cantos privilexiados

Ramón Ares Noal
MONCHO ARES RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

A tirada consta de 42 volumes nos que ningún é igual, pois conteñen ilustracións distintas de Veiras Manteiga xunto a poesías de Antonio Piñeiro, que tamén é o editor

26 oct 2024 . Actualizado a las 18:26 h.

Un libro de poesía e pintura que ten o valor engadido do traballo artesanal e do que só se editaron 42 volumes, ao que se suma que ningún deles é igual ao outro, reúne todas as características de ser considerado unha xoia que pode que co tempo incluso se revalorice. Pois esa foi a obra que se presentou no acto mensual da Asociación Cultural Barbantia, un traballo no que o creador ribeirense Antonio Piñeiro puxo a escrita e tamén a editorial, Bourel, da que é mentor; e Xosé Luís Veiras Manteiga, a parte gráfica. E todo a beneficio da Sociedade Liceo Marítimo de Ribeira, cuxa recadación vai ser destinada ao desenvolvemento da súa sección cultural.

Tanto valor polo esforzo creativo e editorial e polo fin social non contrasta co prezo dos volumes que se venderon na entrada á sede da entidade, a só 15 euros, e máis tratándose dun libro de artista, consideración que se lle dá a obras nas que se aposta pola edición tradicional. Ese é o caso, xa que Antonio Piñeiro elaborou os poemas en máquina de escribir, o que non semella doado, tal e como explicou, porque o mínimo erro, e nas antigas máquinas eran constantes, obriga a empezar de novo, ao que se engade que o papel empregado é de alta calidade. Pola súa banda, o pintor explicou que elaborou duascentas obras que puxo a disposición de Piñeiro para que seleccionara aquelas que considerase apropiadas.

Ante a magnífica creación que se presentaba, non foi estraño que se xuntara tanta xente no acto de Barbantia, que abriu a presidenta, Marías Xesús Blanco, lendo unha poesía do libro e, a continuación, facendo un repaso polas obras dos dous artistas, agradecendo a colaboración do Liceo e do Concello de Ribeira e anunciando a publicación do suplemento 198 de A Voz de Barbantia.

Xosé Luís Veiras Manteiga afirmou que aceptou encantado participar no proxecto que lle propuxo Antonio Piñeiro, porque nunca esperou formar parte dunha iniciativa para incorporar as súas pinturas a unha obra literaria. As duascentas obras fixo son todas diferentes, non hai repeticións. Declarouse moi ledo de compartir as súas creacións nun proxecto no que participan tamén Baldo Ramos, Pepe Cáccamo e outros coñecidos artistas galegos, e instou a seguir adiante con esta iniciativa.

Colaboración

Pola súa banda, Antonio Piñeiro, principal artífice da obra, asegurou que se sentía moi feliz de facer a presentación no Liceo Marítimo, entidade da que é socio, e de que acudira tanta xente. De feito, recoñeceu que Inzo é consecuencia da colaboración entre el, Veiras e o espazo cultural da entidade. Subliñou a longa tradición do Liceo na organización de actos culturais, deportivos e sociais e a nova aposta por introducirse un pouquiño máis no panorama artístico a través de iniciativas como o volume que se estaba a presentar.

Explicou que Inzo é un libro de artista, condición que teñen aqueles que fan os artistas, pero cunha calidade diferente: «Non pertencen ao sistema editorial normal nin contan unha historia como calquera outro libro, contan ou cantan, dependendo de se é narrativa ou poesía o que conteñen. Non contan ou cantan algo concreto, senón que son en si un obxecto elaborado para ser arte». Asegurou que este tipo de publicacións non son habituais, aínda que tampouco son raras e poden ser de dous autores, como é o caso. Destacou as pinturas de Veiras Manteiga, que van catro en cada libro, e da súa escrita dixo que son pequenas pezas de carácter poético e variable.

Confesou que, habitualmente, cada libro artesanal que saca a editorial Bourel consta de cen volumes: «Temos unha boa acollida, afortunadamente, alá por onde imos. Contamos con autores de primeirísima liña, como Pepe Cáccamo ou Xavier Seoane. É unha loucura, folios mecanografados un por un, pero que teñen aquela beleza dos manuscritos que xa se perderon, porque xa non hai máquinas».

Pechou as intervencións a concelleira de Cultura de Ribeira, Antía Alberte, destacando o valor da obra polos matices que xa desvelaran os seus autores. Declarouse orgullosa e feliz de estar asistindo ao nacemento dun libro que se hoxe ten un gran valor probablemente se multiplique transcorridos os anos e contou que foi alumna de Antonio Piñeiro na súa adolescencia, asegurando que é un gran profesor.