Unha historia esquecida das nosas rías

Manuel Núñez Nieto RIBEIRA

BARBANZA

Os empresarios eran partidarios de empregar traíñas, contra a opinión dos pescadores.
Os empresarios eran partidarios de empregar traíñas, contra a opinión dos pescadores. CEDIDAS

Os novos métodos de pesca dos fomentadores cataláns trouxeron conflitos no século XIX

27 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

No século XIX tivo lugar nas nosas rías o asentamento dunha burguesía foránea mediante a implantación da industria da salga, que consistía nunha técnica de conservación do peixe a base de sal. Isto tiña un efecto de deshidratación parcial dos alimentos, reforzábase o sabor e a inhibición dalgunhas bacterias. O asentamento desta burguesía estranxeira trouxo consigo novos métodos de pesca, novas artes e novas embarcacións.

A traíña ou traiñeira. O conflito veu dado a través da implantación das traíñas, que desprazaron as embarcacións tradicionais. O uso destas embarcacións nas nosas rías trouxo conflitos, loitas e preitos que en moitos casos tiveron as súas resolucións en Madrid.

Os donos dos medios de produción son a clase dominante da época, e as súas actuacións foron sempre encamiñadas a defender os seus intereses de clase. En Portosín, no 1881, un grupo de cinco fomentadores —que era así como eran coñecidos os burgueses cataláns que asentaron a salga en busca do espolio da riqueza da nosa ría— remitíronse á mariña noiesa para evitar unha desfeita con frases como «pues de lo contrario cerramos las fábricas y dejaremos sin jornal a 400 hombres». Os fomentadores e armadores que asinaron o escrito foron José Moreu, Juan Roura, J. Roig Poch, J. Portals y Romaní e Pablo Roura.

Comunicación con Vigo

Entre o 1880 e 1890 chega progresivamente a industria ás nosas costas. No 1885 queda inaugurada a comunicación ferroviaria de Vigo co interior da península, e iso facilitaba a chegada da mercadoría ao levante peninsular. No 1888 prodúcese a abolición da veda da sardiña, que se facía dende febreiro ata maio.

É no 1889 cando xorde o primeiro conflito masivo entre os defensores das artes tradicionais e os novos métodos. Por unha banda, os partidarios da traíña eran sobre todo empresarios e algúns políticos. Dicían que a industria sería máis competitiva co incremento das capturas e baixaría o prezo da sardiña, así como que a abolición da veda era factible xa que non había que agardar a que entrase na ría, co cal a calidade da conserva melloraría xa que a sardiña chegaría en mellores condicións aos almacéns de salgadura. Por outra parte, situáronse en contra os pescadores do xeito, que contaban co apoio de políticos coma Montero Ríos.

Argumentaban que, se caían os prezos polo elevado número de capturas, os pescadores máis humildes verían minguados os seus ingresos, e a incapacidade para competir con grandes armadores poñía en perigo a pesca tradicional. Tampouco querían perder a súa independencia de pequenos propietarios e artesáns para pasar a ser simples asalariados de grandes empresas.

No 1889 a escaseza da sardiña chegou, e con ela a introdución masiva de traíñas que saían a faenar fóra das rías, xa que estas embarcacións podían entrar máis mar a dentro. Xa no 1900 recuperáronse as boas capturas de sardiña, o que provocou unha sobreprodución nas fábricas. A falta de infraestrutura e de sal, producido polo desembarco masivo de peixe, saturou as conserveiras. Ante esa explotación laboral, os traballadores declaráronse en folga e volveron xurdir enfrontamentos entre xeiteiros e traiñeiros.