«A Semana Santa non é só unha celebración relixiosa, é un fenómeno social»
BARBANZA
Marisé Figueiroa destaca o gran papel que xoga a muller na confraría boirense e márcase como reto conseguir involucrar á mocidade
24 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.É o segundo ano que Marisé Figueiroa está á fronte da Irmandade do Cristo da Misericordia, a confraría que loita en Boiro por realzar a Semana Santa. Recoñece que involucrar á veciñanza nas actividades, sobre todo á mocidade, é o máis complicado, especialmente despois do paso do furacán covid.
—Marcou a pandemia un antes un despois na Semana Santa?
—Pois si, porque o parón fixo que moita xente adquirira novos hábitos e se desmarcara da confraría. Tamén é certo que, no caso de Boiro, houbo unha serie de discrepancias co anterior párroco que non axudaron.
—Percíbese este ano un cambio de tendencia?
—Si, hai máis xente que se anima a colaborar e hai un aumento dos confrades. Penso que a chegada do novo párroco tamén vai ser beneficiosa.
—Complica o feito de ser muller o desempeño do cargo?
—Eu síntome totalmente apoiada polos socios. Sempre notei máis a desigualdade na vida laboral, pois traballo no sector da ferretería e aí o machismo é notorio. Nos asuntos relacionados coa irmandade nunca sentín un trato diferente por ser muller.
—A confraría dálle este ano máis protagonismo á muller?
—Eu sempre digo que se non fora polas mulleres, a confraría non estaría viva, e non o digo por min, senón polas veciñas que están dando a batalla. Este ano, máis alá do grupo exclusivo de portadoras da Dolorosa, as mulleres van estar presentes en todos os pasos. Ademais, por vez primeira haberá unha no desencravo, do que se encargará unha familia vinculada á irmandade que así o solicitou.
—A gran novidade é a estrea de La Piedad, como vai ser?
—A procesión será o mércores e a imaxe irá custodiada polos romanos. O desfile transcorrerá en rigoroso silencio, só roto polos tambores, que lle marcarán o paso aos costaleiros.
—Ten en mente máis actividades para que o programa da Semana Santa boirense siga a medrar?
—Si, por que non? A idea é seguir medrando, conseguir que máis persoas se involucren, sobre todo os mozos. Esta celebración non é só relixiosa, senón que é un fenómeno social.
—Cal é o grande atractivo da Semana Santa de Boiro?
—Eu creo que a procesión máis fermosa é a do Santo Enterro. É unha actividade que involucra a u feixe de persoas, posto que saen tres pasos e participan os nenos, que van caracterizados de personaxes bíblicos. Ademais, este ano vanse sumar á comitiva un grupo de mulleres ataviadas co traxe típico galego.
—A irmandade cumprirá dúas décadas no 2025, farán algo especial?
—Esa é a idea e, de feito, xa lle estamos dando voltas ao tema. De momento, imos ver como transcorre a Semana Santa actual, se realmente se recupera a ilusión como parece que vai ser.
—Ten algún gran reto en mente?
—O meu obxectivo principal é conseguir que a confraría medre. Agora somos 350 socios, pero houbo unha época na que se superaron os 600. Non creo que eu me marcha con esas cifras, pero si que me gustaría involucrar ás novas xeracións. O ano pasado xa saímos moi satisfeitos, porque se empezou a percibir movemento trala paréntese do covid e confiamos en que esa tendencia se confirme nesta Semana Santa. A idea é que volva a marca unha liña ascendente e nesa loita estamos.