Un asunto que toca a todos

BARBANZA

Non consigo entender que pasa pola cabeza dun home que agrede ata a morte á súa parella

20 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Con frecuencia escoitamos nas redes ou en columnas de opinión queixas de señores —ou debera dicir «señoros»— por un peso excesivo de accións de educación non sexista e concienciación nas escolas, nos medios ou noutros soportes. Porén, os datos e as noticias que non paran de chegar fálannos de que seguimos a ter un problema moi grande.

Non consigo entender que pasa pola cabeza dun home que agrede ata a morte á súa parella e mesmo aos seus fillos, nun acto dramático que remata moitas veces coa súa propia morte posterior. Así que máis que rosmar polo que outros fan para tentar solucionalo, deberiamos ser comprensivos e axudar no que se poida.

Unha recente enquisa publicada polo xornal El País revelaba que a xeración máis nova, a coñecida como Xeración Z, é a máis polarizada ata o momento. Eles son os máis machistas, elas son as máis feministas. Non é distinto isto co que acontece tamén con outros ámbitos, como as ideoloxías políticas. En que medida isto é unha reacción ás políticas feministas ou unha realidade previa potenciada polo consumo de medios sociais —que é o que eu penso—, é algo que dá para ser discutido.

O que non podemos é construír unha sociedade do futuro na que as mulleres vivan baixo a ben patente ameaza da violencia e o maltrato. A nosa sociedade e cultura xa non pode toleralos, aínda que sucedan na esfera privada. Porque a violencia non sabe de muros domésticos e as vítimas nos afectan a todos e cada un de nós. Os homes, que somos o problema, debemos ser tamén a solución.