A propiedade

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

BERNARDO CODESIDO

O caso é que aquí case todo está parcelado e rexistrado e o máis que se pode coller, usurpadoramente, son as patacas sementadas

17 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O que non ten dono é de quen o colla. O caso é que aquí case todo está parcelado e rexistrado e o máis que se pode coller, usurpadoramente, son as patacas sementadas ou as fabas entre o millo, non como naquela película sobre a conquista do Oeste, onde se nos amosaba como colocaban ós futuros colonos cos seus carros baixo a indicación de que, unha vez dado o sinal de saída, correrían polas extensas praderías e cada un, en canto chegase a un terreo do seu agrado, podía marcalo e rexistralo sen máis papelame nin preguntar se alí había alguén antes de chegaren eles. E entón comezaron os tiros e viñeron os indios e todo iso que xa sabemos.

A propiedade considérase como un reino limitado que non se pode invadir, e os problemas viñan por pasar a rella do arado unha cuarta máis aló do marco ou porque a árbore do veciño sacaba unha rama que deixaba en sombra un metro de tomateiras. Tamén, como non, porque se levantasen muros de marco para fóra achicando a propiedade limítrofe ou convertendo un camiño de pés en camiño de carro, asuntos que os vaqueiros resolvían pistola ó cinto e nós (polo xeral) tirando de billeteira e pagándolle a un perito que levante planos e a un avogado que mova os papeis no xulgado.

Non o ten tan doado ese señor Greg William Nemitz, de Idaho (USA), quen, amparado nun baleiro legal que se ben di que ningún país pode facerse dono dun astro, sexa estrela, planeta, satélite ou cometa, e nada fala de particulares, apurouse a inscribir como propiedade súa o asteroide Eros 433 en marzo do 2000, en canto soubo que alí había minerais moi importantes, incluíndo algunhas toneladas de platino, e que unha sonda da NASA quería exploralo.

O terreniño ese, duns 34 kilómetros de largo situado a uns cincuenta millóns de quilómetros da súa casa, non se presta para un solar nin serve para plantar patacas, pero quen sabe se algún día, cando as viaxes espaciais se popularicen, non poderá montar alí un caseto para tomar o sol nas fins de semana e volver logo con un par de quilos dos apreciados metais no maleteiro do seu foguete.

Por iso este bo home trata por todos os medios de facer valer os seus dereitos de propietario, empezando por demandar á mesmísima NASA, a famosa axencia espacial, por aparcar unha nave no seu asteroide sen pedirlle permiso, reclamándolle unha cantidade de vinte dólares por estacionamento indebido, ademais de cinco millóns por danos causados no seu solar. E xa veremos a que operario manda aló para reparalos.

Seguindo a norma do señor ese de Idaho que tanto me lembra á película aquela de vaqueiros, como se todo fose un mundo sen dono, onde os dereitos de propiedade só son recoñecidos segundo a lei imposta polo invasor, como no seu día foi o territorio dos comanches para os pioneiros americanos, enténdese aínda que non se comparta a lóxica da administración americana cando non se molesta moito cos xudeus, e ata lles dá apoio, cando entran no territorio dos nativos gazatís pistola en man, para recluílos nunha reserva de exterminio mentres eles ocupan as terras con saída ó mar para gozar logo do terreo usurpado.