Marcos Fajardo: «O Día da Bici é unha xornada de festa, deporte é familia»

BARBANZA

narcos creo

O concelleiro de Deportes destaca o esforzo que está facendo co Concello para aumentar os carrís destinados ao afeccionados ao deporte das dúas rodas

04 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A Concellería de Deportes de Boiro leva o peso da organización do Día da Bicicleta, unha actividade promovida por La Voz de Galicia e Radio Voz, fixada para este domingo. O titular desde departamento, Marcos Fajardo, anima aos veciños a sumarse a unha ruta que ten carácter lúdico.

—Que importancia ten para o Concello de Boiro esta cita?

—É un día no que reivindicamos o deporte da bicicleta, dándose visibilidade ao traballo que vimos desenvolvendo ao longo de todo o ano desde o Concello. Un dos obxectivos do executivo local é o de incrementar os quilómetros de carril bici e así o estamos facendo. Nestes intres, aproveitando a pavimentación da estrada, estanse a habilitar catro quilómetros desde a rotonda da avenida da Constitución ata Cabo de Cruz. Este carril conectará co que xa discorre por Escarabote e Barraña. Queremos contribuír á diminución do tráfico. Na loita contra o cambio climático é preciso que todos acheguemos un grao de area.

—Apostouse por repetir o percorrido da pasada edición, a que se debe?

—Si, porque pensamos que é un percorrido que se adapta a todos os posibles participantes. É unha distancia de 14 quilómetros, de dificultade baixa, que vai permitir coñecer un pouco mellor as parroquias de Lampón, O Castro e Abanqueiro, nas que ademais se van facer paradas para coller forzas.

—O obxectivo será reunir ao mesmo número de persoas ca o ano pasado, sobre 600...

—Penso que se vai conseguir. Concello e entidades diversas estamos promovendo diversas actividades deportivas e a xente está respondendo moi ben a todas. Cando se organizan con fins solidarios hai unha implicación maior, pero a do domingo é unha cita que gusta moito. O Día da Bici é unha xornada de festa, deporte e familia.

—Como organizador, en que aspecto ten que incidir o Concello?

—Sempre incidimos na seguridade, aínda que non adoitan ocorrer incidencias importantes porque o pelotón vai a pouca velocidade. A quen máis hai que controlar é aos nenos, pero haberá un dispositivo amplo.

—Pensa que a práctica de deporte está en auxe?

—Desde o confinamento notouse un incremento de persoas que saen á rúa a practicar deporte e cando un empeza, queda enganchado. É sinxelo levar unha vida sedentaria, pois o corpo pide descanso despois dunha xornada de traballo, pero hai que sacar esa hora para facer actividade física, sexa cal sexa, e cando empece a facerse xa non se poderá parar. O deporte é moi positivo, tanto para o corpo como para amente.