Multivoto

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

25 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Nestas eleccións teño unha empanada mental tan grande de candidatos que se houbera que escribir as papeletas a man na miña poría unha lista con concelleiros de oito municipios diferentes. Como moita da xente que segues pasa ao modo fan cando chegan estas datas, de súpeto as túas redes sociais convértense nunha sucesión de anuncios dos partidos, díxome-díxomes, opinións intensivas, fotos furtivas e algunha boa idea.

Entre que eu, polo natural, xa me sinto un pouco de todas partes e que me dedico nestes anos a comisariar, no proxecto Cidades no tempo, exposicións en profundidade sobre a historia das urbes galegas, vou acumulando uns peculiares síndromes de Estocolmo, que son en realidade síndromes de Santiago, Ferro, Lugo, A Coruña, Vigo, Ourense e Pontevedra. Vou adoptando cidades polo camiño. Cando escoito un candidato falar de repavimentar un barrio, dar un mitin nun barrio, redefinir o turismo ou cambiar a iluminación de tal estrada, sei dos lugares.

É por iso que me pregunto se algún día teremos a posibilidade de votar en máis dun municipio. Porque a min o meu se me queda pequeno e na nosa época de mobilidade merecemos votar alá onde poñamos o corazón —ou calquera outro órgano, o fígado, o bandullo ou algún mesmo inferior—.

Ata non me importaría pasar un test de municipalidade que incluíra expresións típicas e invectivas de superioridade contra a cidade veciña. Nunha época como a nosa, paréceme coherente repartir votos coa mesma liberalidade coa que se reparten papeletas.