María Canosa recibe na Pobra o premio Carlos Mosteiro

M. X. B.

BARBANZA

cedida

A autora gañou a quinta edición do certame coa obra «Teño un volcán dentro»

13 may 2023 . Actualizado a las 21:06 h.

A prolífica escritora María Canosa recolleu na mañá deste venres na Pobra o premio do certame de literatura infantil Carlos Mosteiro, que gañou coa obra Teño un volcán dentro. O texto plasma a historia dun rapaz coa síndrome de asperger que chega a un novo centro educativo e narra o seu proceso de integración, ademais da adaptación do seu círculo próximo á situación.

A entrega do galardón tivo lugar ao abeiro da programación deseñada con motivo do Día das Letras Galegas. O acto, celebrado no auditorio do Museo Valle-Inclán , contou coa presenza da concelleira de Cultura, Patricia Lojo; o director de edicións de Galaxia, Marcos Calveiro; e Encarna Pego, no nome da asociación Barbantia. Nas cadeiras do público estaban alumnos de quinto e sexto de primaria do colexio Salustiano Rey Eiras.

O nome da autora súmase á listaxe de galardóns do referido certame literario nas convocatorias previas: Patricia Mallo, con Os Fantom; e Xosé Antonio Neira Cruz, con O enigma do baúl pechado e Por mor de cinco pizzas aos catro queixos. A terceira edición quedou sen adxudicar por se estimar que ningún dos textos acadaba a suficiente calidade literaria.

O premio supón unha dotación económica de 3.000 euros, a publicación na colección Árbore da Editorial Galaxia e o repartimento de exemplares entre a rapazada pobrense para así inculcar o hábito lector nas xeracións máis novas.