Para ninguén dos que siga un pouco a actualidade da contorna vaille ser alleo que o outro día evitouse unha desgraza no Vilar. Día de praia impresionante, ondas, rapaz que se traga o mar, o típico de todos os anos.
A raíz desta situación extrema, un bo samaritano decidiu vestirse de heroe e meterse na auga para axudar a ese neno descoñecido, sen buscar nada a cambio. Despois del, un surfista cántabro colaborou no rescate que finalmente culminou o helicóptero Pesca 1. Calquera que seguira o tema sabe como foi, ou non.
Din que dende que o rapaz empezou a ter problemas ata que o helicóptero o sacou do mar pasou cerca dunha hora, un factor co que moita xente tivo a oportunidade de exercer unha das mellores virtudes de todo bo español: falar sen saber.
Aínda que non serei eu o que diga que non é criticable que non se resolvese en menos tempo, tampouco teño o valor de vestirme de experto en salvamento marítimo e promulgar como lei universal o que eu tería feito. Din que todo o mundo ten dereito a opinar, pero non todas as opinións son respectables, e este caso é un perfecto exemplo.
As redes sociais teñen cousas moi positivas, pero serven de altofalante para opinións tan perigosas coma a de que os servizos de emerxencia non serven para nada. Mesmamente, formando parte do dispositivo que o outro día estaba disposto no Vilar na terra e que presuntamente «non fixo nada», había varias persoas que salvaron outras tantas vidas, e non precisamente fai moito tempo. Falar e opinar é moi fácil, poñerse a traballar, xa non tanto.