A arte das chuletas

Francisco Ant. Vidal
FRANCISCO ANT. VIDAL LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

BERNARDO CODESIDO

01 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Se alguén berrase aquilo de «quen nunca copiou nun exame que tire a primeira pedra», veríamos ó instante como todos os pais e avós deste reino, para dar exemplo de honestidade diante de fillos e netos, apedrarían escolas e institutos. Pero a verdade é que, quen máis e quen menos, algunha vez botou man da ilegal chuleta para axudarse nun exame.

As melenas e as fundas das gafas teñen agochado verdadeiros tomos das materias máis sofisticadas en letra miúda. Entre as chuletas máis imaxinativas había quen as levaba na manga da camisa ou na perna baixo a saia, quen gravaba as fórmulas no bolígrafo con un alfinete e letra minúscula ou quen levaba os temas en distintos folios que agochaba debaixo do xersei, para darlle o troco en canto o profesor se volvese de costas. En exames de latín e grego, cando se nos permitía levar o dicionario, case todos tiñamos incrustadas entre as páxinas as declinacións.

Tantas horas dedicamos a sintetizar os temas e enxeñar onde agochalos, que só por iso ben merecíamos un notable cum laude. Algúns profesores admiraban as chuletas como un exercicio de resume que, segundo alguén ten dito, fan máis por fixar os coñecementos ca unha hora de aburrida e ingrata lectura. Había quen, para evitar que copiásemos, permitíanos facer os exames cos apuntes diante. Era algo parecido ó que agora se fai cando aconsellan o uso do móbil ou da internet. E con toda a Wikipedia á nosa disposición, aínda hai quen non dá o nivel mínimo esixible. E é que, ata para copiar fan falta coñecementos.

Un amigo contoume como, sendo estudante de tecnoloxía, ideou un sistema de radio para que dende fóra lle fosen ditando as respostas. Só por isto este rapaz merecía un sobresaínte, e non aquel outro que mandaba a seu irmán xemelgo ós exames sen que o profesor se decatase e hoxe presume dun título colgado no seu despacho.

Xogando cos parecidos, hai uns anos contábase que había tres ou catro inmigrantes asiáticos que percorrían o país dedicados a presentarse a exames de conducir suplantando a outros compatriotas, porque (dicían) como todos se parecen, era moi doado enganar ós examinadores. Lenda ou non, máis chapuceiros son estes de quen nos daban conta as noticias hai uns días atrás, que se facían pasar por outros para facer o exame de conducir con tan mala ordenación, que non se decatan do difícil que é aparentar 30 anos se se teñen 50, ou levar un auricular cando se presume de cabeza rapada.

Pola miña banda creo que me axudou máis aquel profesor que nos permitía levar os apuntes ó exame e dicía que na vida real vale máis saber onde buscar a información ca memorizar conceptos que logo non se usan ou, á larga, acaban esquecéndose.

Como queira que sexa, o das chuletas era toda unha arte á que lle dedicábamos tanto tempo que, como asegura Xulio, aprendemos máis facéndoas ca aguantando insulsas clases de xeografía económica nunha tarde de primavera.

Hoxe en día copiar nun exame é moito máis doado e non esixe esforzo. Nas tendas de electrónica hai dende cámaras do tamaño dun botón a reloxos con capacidade para almacenar o Pentateuco e reproducilo na pantalla páxina a páxina.