A menciña e o remedio

BARBANZA

BERNARDO CODESIDO

04 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Lembrábamos aqueles versos de Góngora «y en las mañanas de invierno naranjadas y aguardiente» que non é máis ca un xarope ben adozado, como o tradicional de limón e mel para aliviar o trancazo e que agora, con algún nome impronunciable, enriquecido con vitamina C e ben edulcorado, expéndese nas farmacias.

No libro sobre medicina popular en Galicia, o doutor Lis Quibén ofrécenos sorprendentes remedios entre os que, se ben moitos teñen unha base lóxica, outros son verdadeiros casos de sorte se alguén chega a curar con eles. ¿Cantos non lle puxeron unha veliña a nosa Señora das Cabezas para remediar as xaquecas, ou cantas follas de tabaco pegaban na sen as cigarreiras coruñesas para aliviar a dor?.

A medicina sempre tivo ese algo de maxia e misterio, ese «sexa por deus o polo demo ora pro nobis» que dicían os vellos; esa mestura de herbas con oracións que evitasen a confusión coa endemoñada maxia; dende aquel exercicio ximnástico apoiado nalgunha oración de dubidosa cristiandade para baixar a paletilla, ata almorzar col fervida contra o estrinximento cando non existían os iogures con prebióticos. Porque, así como hai médicos que sen levantarse do asento estenden receitas para tranquilizar ó doente, convencidos de que moitos males poden aliviarse con doses de esperanza, outros prefiren experimentar, facer probas e estudar o caso con paciencia e sen desbotar a opinión do doente, ata atopar a súa orixe.

As menciñas son fillas adiantadas dos remedios, e comezaron a evolucionar cando se desprenderon das supersticiosas ladaíñas de adorno para fixarse máis nos ingredientes da beberaxe que, se antes se elaboraban na cociña da casa ou na botica da vila, agora prodúcense en serie nunha cadea de montaxe, e os que antes eran remedios baseados na empírica lei da tradición, agora son marcas comerciais que se representan en calquera centro de saúde por medio de elegantes axentes comerciais tratando de convencer ós médicos das vantaxes dos seus comprimidos.

Na televisión proliferan os anuncios de xaropes contra os catarros no inverno e de pomadas contra as insolacións no verán. Remedios e menciñas son algo sobre o que todos falamos e aconsellamos con esa frase tan rotunda de «isto foime moi ben», a cabaza para a próstata e o Almax para as enchentes de cocido. Os mesmos médicos advirten contra o estendido costume de compartir medicamentos como se compartía o viño con mel ou os panos quentes, pois non é o mesmo un remedio ca un fármaco.

Avanzan as ciencias e descóbrense novos métodos que melloran a súa eficacia. Un exemplo recente é a pastilla vibradora contra o estrinximento, contra esa incomoda molestia que se combatía tomando avea, verduras ou lentellas.

No citado libro sobre medicina popular, o doutor Lis Quibén lembra que ós cativos aliviábanos cunha ramiña de verza empapada en aceite para desobstruír o intestino. O método era tan simple como desfacer o atoamento, que diría un fontaneiro. E se ata agora todos os remedios trataban de diluír o atasco, xa fose con alimentos ricos en fibra ou cunha novena a santo Erasmo, a ciencia vén de deseñar esa pílula que, en chegando ó intestino, vai vibrando e empuxando os excrementos a través dos canos intestinais, coa vantaxe de que esta tamén é expulsada sen deixar restos químicos no organismo.

Todo un robot para desentupir as tripas.